A Clásica e Terra a Nosa afrontan «A misa da coroación», de Mozart

La Voz VIGO

VIGO

As dúas formacións xa realizaron este concerto a pasada semana na catedral de Santiago

20 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O pasado 11 de abril, a catedral de Santiago acolleu a interpretación da misa de coroación, de Mozart, realizada pola Orquestra Clásica de Vigo e o Orfeón Terra a Nosa de Compostela, na que interviñeron as voces solistas do barítono Pablo Nieves , a soprano Cecilia Rodríguez, a mezzosoprano Andrea Rey e o tenor Diego Neira. Os vigueses terá hoxe a oportunidade de escoitar ese mesmo concerto no Teatro Afundación. Será a partir das 20.30 horas e as entradas pódense adquirir en ataquilla.com a partir de 5 euros máis a comisión da plataforma de venda.

Con esta actuación, a orquestra viguesa conclúe a súa tempada concertística titulado Integrais 2024, e xa se centran na preparación do seu corenta aniversario, que celebran este ano.

A obra elixida para este colofón de tempada está incluída no repertorio litúrxico de Mozart e presenta certa controversia debido á falta de consenso de historiadores e musicólogos en torno ao momento histórico que se refire, se a coroación de Leopoldo II (1791), a de Francisco II (1792) ou a misa do día de Pascua de 1779. Con todo, está considerada unha das máis importantes do catálogo sacro do compositor austríaco, aínda que si superada polo Réquiem.

A preparación deste concerto tivo certa complexidade nos ensaios debido ao gran número de persoas participantes e que as dúas formacións musicais residen en cidades distintas. Todos esas dificultades quedaron completamente esquecidas o pasado 11 de abril en Santiago. Para hoxe aínda promete ser mellor debido a que vén todo moito máis rodado.