Luscofusco Edicións publica un poemario inédito de Celso Emilio Ferreiro

VIGO

O Cabronario foi escrito en Venezuela, pero non foi publicado polas súas críticas ao franquismo, a Igrexa e aos Borbones 

22 feb 2024 . Actualizado ás 22:21 h.

«Nunha ocasión, Celso Emilio Ferreiro recitounos a un grupo de amigos, en Santiago, un poema feroz, cheo de gracia maledicente, sobre un inimigo, alguén que perxudicara ou perseguirá ó poeta polas súas ideas políticas. O poema formaba parte dun libro inédito que se titulaba «Cabronario». Nun momento do recital, cando os versos chegaban ó cumio do inxenio e transparentaban unha habilidade inimitable para o humor acedo e o furor satírico, o autor, sorprendido el mesmo pola xenreira que lie saía pola boca, fixo un alto e dixo que non sabía de onde lle viña a el toda aquela mala uva. Alguén dos que escoltaban aclaroulle: `Do corazón, Celso, do corazón'». Escribía estes parágrafos Carlos Casares nun artigo publicado por La Voz de Galicia o 11 de xullo de 1982, tres anos despois do pasamento do poeta de Celanova.

Agora, aquel poemario, que entón quedaba circunscrito ao ámbito das amizades, poderá ser lido polo público en xeral. Mañá venres será presentada a publicación en Luscofusco Edicións, o novo selo editorial de Mundo Detrás do Marco, que se suma á Editorial Elvira e Fosfatina Edicións. Nese acto público, que terá lugar no Marco de Vigo a partir das 20.00 horas, participará Xabier Ferreiro, fillo de Celso Emilio, e o poeta vigués Antonio García Teijeiro. Explican dende a editorial que O Cabronario é unha obra inédita de Celso Emilio Ferreiro, que foi escrita en Venezuela e que non puido ser publicada en España pola súa crítica directa ao franquismo, á igrexa e aos Borbones. Desta forma, o fillo de Celso Emilio, Xabier Ferreiro, que tiña no seu poder o orixinal da obra, foi o gran impulsor desta publicación e participou de forma activa en todo o proceso. Ademais, tamén é o autor do amplo limiar, no que se fai unha extensa explicación do contexto no que nace este libro, así como de cada un dos poemas que o conforman. O artista Xavier Magalhães é o autor da obra da cuberta.

O Cabronario non é a única obra inédita que se ten rescatado recentemente de Celso Emilio Ferreiro. En novembro do 2022, o Colexio de Procuradores de Vigo presentaba dez poemas descoñecidos de Celso Emilio Ferreiro escritos orixinalmente en castelán no ano 1971. A xénese de aqueles tamén sitúase a comezos dos anos setenta, cando o poeta de Celanova vivía exiliado en Caracas. Baixo o título Antipoemas, Ferreiro presentou unhas composicións ao Premio Internacional de Poesía Álamo de Salamanca no ano 1971. Gañou o concurso, pero os editores promotores da convocatoria censuraron dez daquelas obras. O autor publicounos en Venezuela nunha separata titulada Poemas prohibidos, pero sen distribución comercial.