O Guardés apúntase en Elda o seu primeiro triunfo visitante (25-38)

LA VOZ VIGO

VIGO

LOLA JIMÉNEZ

O equipo de Cristina Cabeza imponse con solvencia ante o recentemente ascendido conxunto eldense

22 oct 2023 . Actualizado ás 08:27 h.

O Guardés buscaba en Elda a súa primeira vitoria lonxe da Sangriña e atopouna (25-38) no primeiro partido xogado no Florentino Ibáñez contra un equipo recentemente ascendido a División de Honra feminina. O conxunto de Cristina Cabeza brillou nos primeiros compases do envite, tanto en ataque como en defensa. María Palomo abriu a lata e Estela Carreira conseguiu deter varios lanzamentos das alacantinas.

No minuto 7, coa expulsión de dous minutos a Pauli Fernández, o Elda reduciu distancias grazas a Rafi Gonçalves, que anotou o seu segundo 7 metros e puxo un 3-5 no marcador. No entanto, o Guardés mostrábase imparable: a pesar da inferioridade numérica, Itziar Martínez non tardou en anotar o seu terceiro gol.

Antes de chegar á metade do primeiro tempo, o Mecalia conseguiu dobrar ao Elda no marcador cun 5-10. As xogadoras visitantes conseguiron atopar ocos en ataque e mantiveron unha sólida defensa. Pola súa banda, alacantinas seguiron vivas grazas a Rafi Gonçalvez e a súa eficacia nos 7 metros, pois no minuto 17 lograba anotar o quinto (7-13), que non sería o último. Con todo, ao equipo local custáballe sumar goles, en parte, porque Estela Carreira non o puxo nada doado; a gardameta deleitou ao público da súa cidade natal con 5 paradas antes de chegar ao minuto 25.

Tras a expulsión de dous minutos á visitante María Sancha, as xogadoras de Chema Vives aproveitaron a súa segunda superioridade para anotar. María Mulet sumou dúas tantos para o conxunto alacantino, pero o Guardés non se deixou sorprender e finalizou o primeiro tempo, de novo, cunha extraordinaria parada de Estela Carreira. Os equipos chegaron ao descanso cun 13-19 no marcador.

O partido renovouse co sexto gol de Itziar Martínez, asinando un seis de seis, dous tantos de Cristina Cifuentes e un de Elena Amores. O conxunto da Guarda comezou a segunda metade de xeito irresistible. Saíulle todo. O equipo alacantino só conseguiu anotar un gol os cinco primeiros minutos fronte a un Guardés que lle levaba unha vantaxe de 11 goles (14-25). A única vía de facer gol para as alacantinas foron os 7 metros lanzados por Rafi Gonçalvez, que marcou o seu oitavo e noveno penalti nos minutos 37 e 39. No entanto, o conxunto local pouco puido facer. Os ataques do Mecalia eran rapidísimos e seguros.

No minuto 42, o Guardés volveu xogar cunha de menos tras a expulsión de Blazka Hauptman, pero durou pouco pola exclusión de dous minutos á local María de Gracia segundos despois. No entanto, Sandra Radovic foi excluída no minuto 43 póndollo un pouco máis doado ás locais. Foi o momento no que Rafi Gonçalvez anotou o seu décimo 7 metros. A pesar da inferioridade numérica, o equipo miñoto mantívose moi esperto. No minuto 48, a vantaxe para o Guardés era de 10 goles (32-22). E esa diferenza abismal mantívose ata o final do encontro, que concluíu cun rotundo 25-38.

O Guardés descansará a próxima xornada. Volverá xogar o mércores, día 1 de novembro, ás 13.00 horas na Sangriña fronte ao Costa do Sol Málaga. Sera o Partido Estrela da Xornada 9.

Ficha técnica

Lucía (1), De Gracia (3), Mulet (4), Azcune (2), Gonçalves (11), Villaescucsa (1), Susi Sánchez (p.), Prades (p.), Sofía, Claramonte, María (1), Escribano (1), Claudia, Lluch, Aitana Pastor (1), Kassia Janete.

Estela Carreira (p.), Cecilia Cacheda (3), María Palomo (6), Pauli Fernández (3), Cristina Cifuentes (4), Itziar Martínez (10), Elena Amores (5), María Sancha (1), Míriam Sempere (p.), África Sempere (3), Ania Ramos (2), Sandra Radovic (1), Andreza Almeida.

MARCADOR CADA 5 MIN.: 1-5; 4-7; 5-11; 9-15; 10-17; 13-19 (descanso); 14-25; 18-29; 20-32; 22-34; 23-34; 25-38 (final).