«Pecho o bar porque non podo traballar para os ladróns»

A. Martínez TUI / LA VOZ

VIGO

cedida

Veciños de Tui séntense impotentes ante unha onda de roubos. O propietario dun establecemento de hostería decidiu directamente botar a reixa. «Sufrín nove roubos en trece anos»

29 sep 2023 . Actualizado ás 01:27 h.

«Sentímonos impotentes e desprotexidos. Roubar sae moi barato». Con estas consignas reuníronse unha decena de veciños de Tui que sufriron roubos nos últimos meses. «Hai moitos máis pero ninguén fai nada», afirman. A situación halles posto contra as cordas a varios. A responsable do bar Sobreiro de Guillarei decidiu botar a reixa. «Pecho porque non podo traballar para os ladróns, non compensa. Sufrín nove roubos en trece anos», di Beti González.

O último destes roubos foi o xoves pasado. Máis aló dos cuantiosos danos materiais e perdas económicas, teñen que facer fronte ao impacto emocional. «Traballo todos os días dezasete horas de media e os ladróns lévanme a metade e ademais violan a miña intimidade», advirte. Nesta última ocasión levaron máis de 2.000 euros en metálico e outros tanto en tabaco e lotería pero, o que máis doe, as dúas pulseiras do bautizo do seu fillo. «Iso non vale nin para fundir. Por favor que mas devolven aínda que sexa tirándomas na porta», pide esta muller, que dá a cara para que os seus veciños non teñan que pasar polo mesmo.

Na madrugada do luns, os ladróns entraron na cafetería do centro cultural de Guillarei, na mesma parroquia. «Veño de presentar denuncia no cuartel da Garda Civil. Forzaron unha fiestra e a persiana, rebentaron a rexistradora e levaron unhas oito botellas de whisky», explica Paco, o seu encargado. As cámaras pillárono, «así que agardemos que esta vez haxa algún detido».

Aseguran que, ademais de estar fartos dos roubos, non entenden que non teña habido arrestos ou que se tomen outras medidas extraordinarias. «Nin con cámaras, nin con alarmas, nin con máquinas antivandálicas podemos protexernos», lamenta Alberto Fernández, do bar Contos. Acaba de sufrir dous roubos seguidos nunha semana. «A primeira vez, desde a fiestra levaron uns 4.000 euros do comecartos. Logo puxéronme unha anti vándalos e entón como tiveron que entrar, esnaquizaron todo o local e igual levaron tamén o do comecartos» indica.

Tanto Alberto como outros afectados aseguran que xa deixan ata as máquinas rexistradoras abertas «para que, polo menos, non as rompan». «No noso caso cortaron a alarma e a rexistradora leváronlla enteira, pero os investigadores nin chegaron a tomar pegadas», sostén Chelo, do bar Muñiz.

Todos estes roubos se produciron entre Randufe, Rebordáns, Guillarei e Tui. «Pero son moitos máis. Temos un grupo de duascentas persoas e varios hai veciños do centro aos que lles desvalixaron pisos e casas», insisten profundamente contrariados «pola impotencia e a súa impunidade».