Seedorf: «Emre non vai ser titular, pode darnos moitísimo desde o banco»

Alexandre Centeno Liste
Alexandre Centeno A Coruña

TORRE DE MARATHÓN

GONZALO BARRAL

Clarence Seedorf advirte aos seus futbolistas da dificultade do rival porque «eu xoguei finais e o mellor é chegar cunha vitoria»

16 abr 2018 . Actualizado ás 22:17 h.

Se algo ten Clarence Seedorf é unha dilatada experiencia como futbolistas que lle fai pórse na pel dos rivais cando así o require a situación. É o que fixo ante a visita do Sevilla, que tras xogar en Riazor afrontará a final da Copa do Rey contra o Barcelona. Por iso, a pesar de que se agarda que Montella faga moitos cambios, o adestrador branquiazul non se fía e advirte do perigo do rival: «Agardo un Sevilla a lume de biqueira. Para afrontar unha final é mellor gañar o último partido, así que creo que vai vir a gañar para coller moral para a final. Pero isto vale para eles e para nós, que non podemos confiarnos», expresou.

Nunha inusual rolda de prensa prepartido, Seedorf apareceu acompañado de Lucas Pérez que valorou o esforzo que está facendo a afección e que «agora nos toca devolverllo cunha vitoria e achegarnos máis ao levante. Nós quitámoslles a ilusión e agora agardamos devolverlla», explicou o dianteiro coruñés.

Ao adestrador branquiazul preocúpalle o feito de que «os xogadores consigan recuperarse en pouco tempo» polos tres partidos nunha semana, pero confía no traballo. Así, preocúpalle máis a euforia que poida apoderarse da inchada e do equipo despois das dúas vitorias consecutivas: «Hai que ter equilibrio entre a euforia e a cabeza que di que o Sevilla será un equipo duro».

Tras confirmar que Çolak sairá desde o banco, explicou os motivos da suplencia do turco no seu mellor momento da tempada: «É un xogador moi importante para nós. Ten características que outros non teñen. Cando está ben marca a diferenza. Pero cando non anda fino, pois é dos poucos que poden dar moitísimo saíndo desde o banco. Non é por demérito, sen porque quero utilizalo máis tarde», subliñou.

Para rematar, Seedorf aclarou que vive á marxe do que poida facer o Levante o xoves, porque de nada servirá se o Dépor non gaña esta noite: «Despois xa haberá tempo para estar pendentes do resto».