Vilalba, favorita para acoller a estancia de pretemporada do Deportivo

a voz

TORRE DE MARATHÓN

O corpo técnico e os responsables da secretaría técnica visitaron o xoves ao mediodía a localidade lucense

29 may 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

Vilalba perfílase como favorita para que alí o Deportivo complete a concentración desta próxima pretemporada. O corpo técnico, co adestrador Víctor Sánchez á cabeza, e os responsables da secretaría técnica, Richard Barral e Ernesto Bello , visitaron onte ao mediodía a localidade lucense, onde visitaron o campo da Magdalena. As instalacións foron da súa agrado, coa particularidade de que o actual técnico xa as coñecía da súa etapa de futbolista, por ter sido Vilalba uno dos lugares habituais da pretemporada do Deportivo en décadas pasadas. Así, parece que Monforte, destino do pasado verán, perde forza para acoller esta vez os adestramentos estivais do equipo coruñés. Tampouco se descarta que os futbolistas traballen ininterrompidamente en Abegondo, no caso de que non convenza ningunha outra posibilidade.

Se se concreta finalmente a elección de Vilalba, a estancia realizaríase durante uns oito ou dez días de xullo, con previsible chegada do persoal en torno ao día 6. O presidente do Racing Vilalbés, Francisco Ruiz, apuntou que as instalacións causaran boa impresión aos responsables deportivistas, en tanto que o alcalde, Gerardo Criado, afirmou que sería unha boa noticia para o municipio unha nova estancia do Deportivo.