Patrocinado por Patrocinadopor

Pesca envía ao Vizconde de Eza a cartografiar o lagostino en augas galegas

Somos Mar REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

MARCOS MÍGUEZ

A zona na que se vai realizar o traballo é na terraza de Ortegal e calcula que chegue ata 500 metros de profundidade.

09 abr 2024 . Actualizado ás 04:50 h.

Aseguran os arrastreiros galegos que o caladoiro galego, a unidade funcional 25, está repleto de lagostinos. Que se chegou de Bruxelas unha recomendación de TAC (total admisible de capturas) cero primeiro e unha prohibición de captura despois foi porque ao cambiar o sistema de xestión caeron os desembarcos, pero non polo mal estado do stock. Se esa percepción dos profesionais tras oito anos co caladoiro pechado coincide coa situación biolóxica da poboación é o que trata de determinar o Ministerio de Agricultura e Pesca ao pór en marcha a campaña Bati-UF25-0425, que encargou a un equipo científico o cartografiado da especie no litoral galego. A misión, que se desenvolve a bordo do buque oceanográfico Vizconde de Eza, arrincou onte. Ata o día 27, o barco propiedade do ministerio estará pola zona de cabo Ortegal para recompiar información sobre o hábitat do lagostino.

Como explica nun comunicado, a Secretaría Xeral de Pesca pretende con esta campaña «ampliar o número de zonas sobre as que se realizou investigación oceanográfica, e neste caso de particular interese ao poder achegar información complementaria sobre o hábitat do lagostino. Os traballos que se van levar a cabo son o levantamento cartográfico, a toma de mostras do relevo do fondo mariño e das rocas para avaliar a presenza de lagostinos, así como estudos sísmicos das zonas propostas, entre outros. A zona na que se vai realizar o traballo cartográfico é na terraza de Ortegal e estímase que chegue ata 500 metros de profundidade.

A información obtida contribuirá a ampliar o coñecemento social do medio mariño, e a sensibilizar e obter o apoio nas tarefas de protección e ordenación que se realizan desde a Administración. Os profesionais agardan que os resultados desta campaña transcendan, pois din que aínda descoñecen os resultados da realizada con cámaras o ano pasado, nunha prospección que substituíu á que facían dous pesqueiros comerciais.