Patrocinado por Patrocinadopor

O BNG apunta á afectación de Altri á subministración de augas de dez concellos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

SOMOS MAR

Cedida

Vilagarcía, Catoira, Pontecesures e Valga son algunhas das localidades que se fornecen da potabilizadora de Padrón

08 abr 2024 . Actualizado ás 20:43 h.

O porto de Pontecesures foi o lugar elixido polo BNG para realizar unha chamada de atención sobre o proxecto de instalación en Palas de Reis, Ulla arriba, de Altri unha factoría de celulosa que os nacionalistas consideran «unha bomba medioambiental no corazón de Galicia». Unha bomba que —e niso coinciden colectivos pesqueiros e marisqueiros arousáns— ameazaría tamén á ría de Arousa. E, polo camiño, aos concellos polos que discorre o río, especialmente a aqueles que se nutren da estación de tratamento de auga potable do Ulla, que se verán afectados «tanto polos efectos que a celulosa terá na calidade das augas, como polo risco de abastecemento que suporá».

Para abordar esta cuestión, onte déronse cita en Pontecesures os deputados Luis Bará, Rosana Pérez, Montse Prado e Iria Carreira, ademais da senadora Carme dá Silva, a alcaldesa de Pontecesures Maite Tocino , o rexedor de Catoira Xoán Castaño e representantes do BNG en localidades como Ribeira, Pobra, Rianxo, Padrón, Valga e Dodro, «os concellos que xunto a Boiro e Vilagarcía se abastecen da mencionada potabilizadora».

Desde o Bloque lembran, ademais, que Augas de Galicia acaba de adxudicar o proxecto para a ampliación da estación de tratamento de augas de Padrón ante a «crecente demanda e a escaseza de auga nos períodos de seca, cada vez máis frecuentes».

Explican desde o Bloque que «segundo os plans feitos públicos por Altri, a macrofábrica de Palas consumirá directamente do Ulla 46.000 metros cúbicos ao día, o que supón máis do 10 % do volume de auga do encoro de Portodemouros e equivale ao consumo de auga humano de toda a provincia de Lugo». A factoría devolverá ao río cada día 30.000 metros cúbicos «de augas industriais que incidirán aínda máis na contaminación do río», segundo explicou a deputada Rosana Pérez, que xa rexistrou no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas contra os plans da empresa portuguesa.

Polo demais, o BNG preguntará hoxe no Senado ao ministro de Industria «sobre a vontade do executivo de incluír ou non a macrocelulosa entre os proxectos que recibirán axudas».