Patrocinado por Patrocinadopor

As 87 vedas de fondo causan perdas de 150.000 euros por pincheiro ao ano

e. abuín REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

PEPA LOSADA

Produtores de Burela piden que se actúe antes de que o dano sexa irreversible

31 ene 2023 . Actualizado ás 04:45 h.

O paradoxo está servida. O palangre de fondo, a arte que menos impacto ten sobre o leito mariño das prohibidas entre os 400 e 800 metros de 87 áreas do Atlántico nororiental, é a que saíu máis prexudicada de todas. E a pescada do petisco, especie demersal onde a haxa, a máis afectada por un regulamento de execución pensado para protexer a especies de augas profundas, como o ollomol, a maruca, o pau ou o sabre negro. Ese dano directo foi cuantificado polo grupo de investigación de Economía Pesqueira da Universidade de Santiago e sitúase, no peor dos escenarios, nunha redución de ata 27 millóns de euros na facturación global, con perdas anuais de 150.000 euros por pincheiro. Un impacto directo que «provocará un dano irreversible e estrutural no futuro desta flota» e, por suposto, terá efecto sobre uns 190 postos de traballo.

Así o expuxeron onte no Comité de Diálogo Social Sectorial da Pesca Gonzalo Rodríguez, coordinador do equipo da USC, e Sergio López, xerente da Organización de Produtores de Burela (OPP 7), que levou o regulamento aos tribunais. Aquel foi ben claro: «As flotas palangreiras de fondo en augas europeas non serán viables cos peches xerais decretados no regulamento de execución». Non o é en ningún dos tres escenarios nos que se puxo o equipo de investigadores, atendendo á redución de capturas, a evolución da inflación e a estrutura de custos. O resultado guinda eses 27 millóns menos na facturación das empresas, aos que habería que sumar 17,5 millóns de impacto indirecto, que é a repercusión que as perdas da flota palangreira terán nas empresas auxiliares.

Iso demostra, a xuízo da OPP 7 e dos economistas da USC, que as 87 vedas aprobáronse «sen un estudo previo de impacto social». E moito menos atendendo ao impacto de cada arte de pesca no fondo mariño, pois o peche de zonas foi xeral sen reparar nas características técnicas do petisco.

O Estudo de análise socioeconómica e impacto do regulamento de execución (UE) 2022/1614 da Comisión para a flota de palangre de fondo que Rodríguez e López debullaron está incorporado á demanda que os produtores de Burela interpuxeron en decembro ante o Tribunal Xeral da UE. E é concluínte en canto a que os efectos desa normativa «xerarán un declive económico e social irreversible para esta flota tan especializada e vulnerable». Consecuencias que, por suposto, notaranse na economía galega, polo efecto multiplicador que esta actividade ten en 64 dos 81 subsectores económicos. 

Desmarque da Comisión

O foro no que se expuxo o estudo, o Comité de Diálogo Social para a Pesca Marítima, é un órgano asesor da Comisión Europea en aspectos sociais da pesca. Participan empresarios, sindicatos e o Executivo comunitario a través das direccións xerais de Emprego e Asuntos Marítimos (DG Mare). Pero nesta sesión os desta última, dirixida por Charlina Vitcheva, desconectáronse da reunión alegando que se trata dunha cuestión en fase xudicial. Ese abandono foi duramente criticado polos demais membros do comité.

Para a OPP 7 é máis grave porque rompe ese diálogo continuo que a Comisión pregoa, pero interprétaa como «outra desculpa máis» que o equipo de Vitcheva vén dando desde a aprobación do regulamento. «Se esta norma crea máis problemas que solucións e ten un impacto tan desproporcionado, por que non se pode rectificar antes de que sexa reversible na competitividade das nosas empresas e emprego?», reflexionan os produtores de Burela.