Patrocinado por Patrocinadopor

A Enfermidade Hemorráxica Epizoótica esténdese por toda Galicia

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

GANDERÍA

Adrian Freiria

A praga, que xa causou a morte a dez animais, detéctase por primeira vez na provincia de Pontevedra e a Xunta insiste na necesidade de adoptar medidas preventivas, como evitar a exposición das vacas ao mosquito vector

27 oct 2023 . Actualizado ás 17:51 h.

A Consellería do Medio Rural declarou cinco novos focos da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica, unha praga que está a afectar ao gando bovino e que desde o verán hase estendido como a pólvora por toda España. Galicia foi unha das últimas comunidades ás que chegou, pero agora esta doenza está presente xa nas catro provincias. Porque un deses últimos brotes rexistrouse en Pontevedra, no municipio de Vila de Cruces, a única provincia que ata agora estaba libre da enfermidade. Desde a Administración autonómica lembran que as medidas preventivas son as únicas efectivas para previr os contagios dunha praga que xa matou a unha decena de animais en toda a comunidade.

Estes novos focos foron rexistrados na provincia de Ourense, no municipio da Mezquita, na de Lugo, nos concellos de Guitiriz, A Pastoriza e Taboada, e en Vila de Cruces. Na explotación de Guitiriz atopáronse catro bovinos afectados, mentres que no resto só un dos animais presentaba síntomas compatibles coa enfermidade. Con estes novos brotes, son xa 13 os focos notificados por Galicia que, ata agora, ocasionaron a morte de dez animais. No total de España son moitos máis os positivos, que roldan os douscentos, segundo os datos do Ministerio de Agricultura.

Desde a consellería lembran que a EHE é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa. Prodúcese por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura do mosquito do xénero Culicoides spp. Precisamente por este motivo, a doenza aparece mentres este mosquito vector estea a circular polo ambiente. Por iso existe un período de posible afectación dos animais, aproximadamente entre abril e decembro, e outro, nos meses de inverno,no que a enfermidade desaparece porque o mosquito non está presente.

Medio Rural tamén insiste en que a picadura do mosquito é a única vía de transmisión da enfermidade, polo que non é posible o contaxio directo entre vacas. Ademais, reitera que esta enfermidade non afecta as persoas, nin pola picadura do mosquito, nin por contacto cos animais infectados, nin polo consumo de produtos de carne de orixe animal. A enfermidade afecta especialmente a rumiantes silvestres, como os cervos, corzos ou gamos. No gando doméstico só resulta afectado o bovino, coa aparición de síntomas nalgúns animais. O ovino pode infectarse, pero non mostra sintomatología, mentres que o caprino non é sensible a esta enfermidade.

Os estudos preliminares realizados en España naquelas comunidades autónomas que están a ser afectadas pola EHE sitúan a morbilidad media, que é o número de animais que presentan síntomas con respecto ao total de rabaño, é do 7,53 %, mentres que a mortalidade media nos animais afectados non chega ao 1 %, queda no 0,51 %. O gando vacún poden presentar unha clínica moderada, con febre, perda de apetito, edema facial, secreción ocular ou nasal, salivación, dificultade respiratoria, eritema ou descamación en boca e nariz, cojera ou eritema no ubre. Os síntomas adoitan desaparecer ao cabo de dúas semanas. 

Como se pode previr a enfermidade?

Non existe nin vacina nin tratamento curativo específico contra o virus da EHE. Por iso, desde a consellería insisten na necesidade de implementar medidas preventivas, que van encamiñadas a evitar o contacto dos animais co insecto vector. Para iso débese evitar a existencia de posibles zonas de cría do mosquito nas explotacións, fundamentalmente en zonas con materia orgánica húmida ou la, que son as preferidas deste insecto para reproducirse.

Tamén se deben utilizar desinsectantes ou repelentes nas instalacións, nos medios de transporte dos animais e nos casos que se consideren oportunos. En caso de detectar animais con síntomas compatibles coa enfermidade, tanto bovinos como cérvidos silvestres, debe comunicarse a circunstancia de forma inmediata aos servizos veterinarios da Xunta.