Patrocinado por Patrocinadopor

A Asociación Forestal de Galicia pide igual trato fiscal para todos os donos de monte

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS GUITIRIZ / LA VOZ

FORESTAL

Plantación de pinos en el monte Xiabre, en Vilagarcía de Arousa
Plantación de piñeiros no monte Xiabre, en Vilagarcía de Arousa Martina Miser

Apoia nas catro provincias proxectos de xestión compartida de terreos

28 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A demanda dunha mellor fiscalidade, máis equitativa, para os donos de montes foi un dos asuntos tratados na reunión que a Asociación Forestal de Galicia celebrou este sábado en Guitiriz. O punto de partida está na existencia dun dobre sistema de tributación, que o director da citada asociación, Francisco Dans, considerou abertamente «algo inxusto»,

Uns propietarios tributan por módulos, e outros, non. Os primeiros están incluídos no sistema denominado Réxime de Estimación Obxectiva, e os segundos, no Réxime de Estimación Directa. A este último están adscritos moitos autónomos que, lembrou Dans tras a reunión, non teñen o monte como única fonte de ingresos.

O problema co que se enfrontan ocorre cando declaran ingresos pola venda de madeira de quendas longas (por exemplo, a de piñeiro ou a de frondosas como o carballo). O que a asociación demanda é que eses propietarios tributen polos beneficios reais, non pola diferenza entre ingresos e gastos. O que non se ten en conta, dixo Dans, é que no tempo pasado entre a plantación e a curta houbo unha serie de traballos —podas ou tratamentos, por exemplo— que non se teñen en conta e considérase que todo ingreso é beneficio.

Esa cuestión, ademais da súa vertente económica, é vista na asociación como un freo á plantación de frondosas. Para solicitar un cambio na lexislación, a Asociación Forestal de Galicia, en colaboración con outras de España, levará o asunto ao Congreso dos Deputados.

Na asemblea deste sábado, doutra banda, analizouse o traballo de apoio á creación de agrupacións forestais de xestión conxunta. Trátase dunha medida impulsada pola Xunta na anterior lexislatura para animar aos donos de montes a unirse para ter leiras de maior superficie aínda que conservando a propiedade das súas parcelas.

Os proxectos que apoia a asociación están nas catro provincias, e responden tanto ao perfil de iniciativas de nova creación como de consolidación doutras nas que os donos xa deran pasos para a xestión compartida das súas propiedades.