BBVA e Down Galicia integran a persoas con discapacidade intelectual

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

Guadalupe Hernández, directora de la Territorial Noroeste de BBVA; Delmiro Priego, presidente de Down Galicia; y Javier Arias, director del Centro de Banca de Clientes Santiago-Senra, en la sede de la entidad social
Guadalupe Hernández, directora da Territorial Noroeste de BBVA; Delmiro Priego, presidente de Down Galicia; e Javier Arias, director do Centro de Banca de Clientes Santiago-Senra, na sede da entidade social

Renovan un convenio de colaboración para promover a inclusión social e laboral

24 abr 2024 . Actualizado ás 21:19 h.

BBVA e Down Galicia asinaron en Santiago de Compostela un acordo de colaboración para pór en marcha unha nova edición do programa Emprego con Apoio. Esta experiencia, que arrincou no 2012, promove «a inclusión socio-laboral de persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais», tal como destaca BBVA nun comunicado.

A directora da Territorial Noroeste de BBVA, Guadalupe Hernández, e o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, foron os encargados de asinar o acordo. «A diversidade enriquece os equipos en ambos os sentidos e achega novos puntos de vista, así como experiencias diferentes», destacou Hernández. Mentres que Prieto puxo o acento na visibilidade que lle outorga o programa ás persoas participantes «posto que poderán ser percibidas polo público, os clientes do banco, e os compañeiros de oficina como persoas útiles e capaces».

O programa Emprego con Apoio pretende facilitar o proceso de procura de emprego das persoas participantes, ademais de mellorar as súas habilidades sociais para a integración en diferentes equipos de traballo. Ao longo deste ano, un grupo de persoas usuarias de Down Galicia traballarán durante un período aproximado dun mes en distintas oficinas de BBVA da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Lugo e Ourense. O proxecto desenvolverase a través dun programa de capacitación para o emprego, un adestramento laboral no posto de traballo, un seguimento laboral continuado e unha formación permanente.