Unha masa de aire africano elevará o termómetro en Galicia ata os 30 graos

Xavier Fonseca Blanco
X. Fonseca REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

M.MORALEJO

A Aemet asegura que as temperaturas dos próximos días serán máis propias do mes de xuño

10 abr 2024 . Actualizado ás 15:40 h.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía recoñece que o episodio de altas temperaturas previsto para os próximos días en España propiciará valores propios do mes de xuño.

A posición do anticiclón sobre a Península canaliza este martes unha masa de aire de orixe africana. Está previsto un notable ascenso térmico de forma xeneralizada, aínda que será máis intenso en Galicia que en ningunha outra comunidade. En primeiro lugar porque nas últimas horas, as temperaturas foron baixas e mesmo nevou nas zonas de montaña. Xa que logo, o termómetro parte desde máis abaixo. 

Ademais, o aire entra polo sur e mentres ascende vaise secando e quentando. Así, cando acada o noroeste peninsular converteuse nunha masa de aire con menos humidade e máis temperatura. No caso de Ourense entra en xogo a orografía, que tende a acumular a calor. A cidade das Burgas chegará este mércores ata os 24 graos, seis máis que onte. Noutras zonas do interior da comunidade galega, o ascenso térmico podería ser mesmo máis elevado, de ata oito.

Mañá está previsto un novo incremento significativo das máximas. Percibirase especialmente na costa norte galega. A Coruña pasará dos 15 graos de onte os 24 de mañá. Ourense estará ao redor dos 28 graos. Todo iso nunha xornada cun vento frouxo que axudará a intensificar a sensación de calor.

O venres será un día típico do verán en Galicia. O anticiclón seguirá enviando aire cada vez máis cálido que elevará as temperaturas ata os 30 graos en moitos puntos da metade sur da comunidade e polo menos ata os 25 no norte.

A Aemet apunta que durante a fin# de semana se acadará o pico máximo deste episodio de altas temperaturas moi altas para a época do ano. As anomalías positivas (valores por amais da media) poderían chegar a acadar os 12 graos.

Iso si, tanto o sábado como o domingo entrará en escena o nordés. Este vento creará un importante contraste entre as provincias da Coruña e Lugo e Ourense e Pontevedra. A diferenza de temperatura podería ser de ata sete graos.

O luns, o anticiclón afástase lixeiramente da comunidade e soprará o noroeste. Este vento encargarase de retirar a masa de aire africano e provocar un descenso térmico. En calquera caso, confírmase que a influencia do anticiclón non será flor dun día. Se se cumpre o escenario que expoñen os modelos meteorolóxicos, a estabilidade permanecerá en Galicia polo menos ata o vindeiro xoves 18 de abril.