«Cóntame como pasou» di adeus sendo xa historia da televisión

Mónica Pérez
M. Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

Esta noite emítese o último capítulo, titulado «Carlos: O herdeiro»

29 novs 2023 . Actualizado ás 12:11 h.

 Cóntame como pasou pecha hoxe a súa historia co seu último capítulo. Está dedicado a Carlos, a voz en off da serie e titulado O herdeiro. A trama sitúase en Sagrillas nas últimas rabexadas do verán do ano 2001. Esta tempada, a número 23 da ficción de Grupo Ganga foi moi curta, moito máis do que quixesen os fans acérrimos que non perderon detalle nos 22 anos que leva en antena a serie que tantos éxitos lle deu tanto á produtora como á 1.

É certo que algún desgusto tamén, e que parece que doen máis, especialmente a polémica entre actores e guionistas que se destapou hai unhas semanas. É como romper a maxia, como roubarlle a neno pequeno a ilusión do Nadal. Porque se os Alcántara non deron poucos desgustos desde o ano 1968 no que arrinca a ficción, saber que entre bambalinas e cartón-pedra había mal rolo non é o mellor adeus. Só Pilar Punzano, coa volta de Irene Visedo e Juan Echanove, moi enfadado pola morte do seu personaxe en Cóntame , deixaran entrever que en San Genaro tamén había trapos sucios que lavar.

En calquera caso, Cóntame despídese tras unha infinidade de episodios que son xa historia da ficción española e tras narrar como os mozos corrían ante os grises e na taberna de Tinín non se falaba de política nos últimos anos do franquismo. Antonio Alcántara e Mercedes , xunto aos seus catro fillos Inés, Toni, Carlos e María, e a avoa Herminia, viviron de preto a morte de Franco, o atentado contra Carrero Blanco , varios atentados de ETA; como o que matou o curmán do pobo. Tamén o 23-F, a movida madrileña, o incendio da discoteca Alcalá 20, a aprobación do divorcio ou mesmo a pandemia do covid-19, cun salto temporal ao ano 2020.

Á vez que se sucedían os acontecementos históricos, a propia familia mutaba aos poucos co paso dos anos, como ocorre noutras tantas. A voda de Inés co cura Eugenio, o seu paso polo cárcere, as detencións de Toni, os seus primeiros amores con Marta Altamira, o primeiro bico de Carlitos ou baixada aos infernos de Antonio coa ludopatía. Despois viría o cancro de Mercedes , a infidelidade de Antonio, a drogadicción de Inés, a entrada no cárcere de Carlos. E os amores e desamores duns e outros, desde o noivado de Desi e Clara, pasando pola voda de penalti de Paquita e Miguel, ata a chegada de MyDarling e a súa guitarra, a voda de Xibraltar de Juana e Toni, o corazón dividido durante unha época de Carlos entre Karina e Julia.

Toca dicir adeus, pero para sempre quedan os bos momentos e máis de 400 episodios para volver ver cada vez que se senta nostalxia ou se queira gozar dun maratón cos Alcántara. Eles son xa desde esta noite historia da televisión.