Os alumnos do MPXA presentaron os seus proxectos audiovisuais do curso

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

CESAR QUIAN

Cada estudante expuxo as súas ideas ante recoñecidos profesionais do sector

19 ene 2022 . Actualizado ás 14:00 h.

Os alumnos da especialidade de Produción Executiva Audiovisual do Máster en Produción Xornalística e Audiovisual (MPXA), titulación da Universidade da Coruña que a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre coorganiza coa Fundación Amancio Ortega, presentaron onte os seus proxectos ante o tribunal nunha sesión de pitching .

Recoñecidos profesionais do audiovisual a nivel nacional e internacional participaron na sesión e foron os encargados de valorar os proxectos que cada alumno desenvolverá ao longo do máster. Cada estudante acudiu ao encontro con tres ideas, unha das cales expuxo en un pitch de dous minutos e en sesións individuais. Ademais da idea seleccionada, comentou tamén as outras dúas. Estes encontros individuais cos alumnos serviron aos membros do tribunal para coñecer mellor as propostas e converterse en titores daquelas que lles resulten máis lles interesantes.

Participaron de xeito presencial Chelo Loureiro, de Abano Producións, recentemente nomeada aos Goya pola súa película de animación Valentina; Javier Pérez de Silva, CEO en Beta Entertainment Spain; Frank Belyeu, produtor e co-fundador de Producións do K.O.; Sonia Pérez, directora creativa do departamento internacional e de novos proxectos (I+D) en Cuarzo Banijay Iberia; Felipe Lage, CEO de Zeitun Films; Alberto Guntín, showrunner; Miguel Torrente, director xeral e produtor executivo en Balance Media Entertainment; Fernanda Tabarés, directora de Voz Audiovisual, e Carlos Carballo, consultor.

Tamén tomaron parte no encontro vía telemática Luisa Romeo, produtora en Frida Films; María Zamora, produtora executiva de Elástica, e Víctor García, director do departamento creativo e de internacional de Unicorn Content.

«Vinos tranquilos en xeral, os pitch moi ben preparados, moi concisos e coas ideas claras e ben definidas. Gústame que haxa un punto de vista do entretemento diferente e que practicamente non haxa ningún proxecto igual a outro», asegurou Sonia Pérez, de Cuarzo Banijay Iberia.

Para Javier Pérez de Silva, «os proxectos deste ano son moi reais, como concepto e como contido. E soubéronos vender moi ben, para ter só dous minutos fixérono moi ben». «Pero agora hai que traballar moito. Sorprendeume moito a cantidade de proxectos de non ficción que se presentaron. Encántame que de primeiras non teñan pensado só en series», engadiu.

Frank Belyeu, de Producións do K.O., asegurou: «Cada ano sorpréndenme máis. Como titor é precioso ver a evolución final. Desde hoxe ao último pitch, que sempre é moito máis concreto, máis detallado e con máis forma. Pero a sensación é que o punto de partida é buenísimo, todas as ideas son moi creativas e diferentes entre si e iso valórase moito».

Os alumnos tamén mantiveron reunións telemáticas con Víctor López, director xeral de Zinkia; Guillermo Bornesztein, director xeral de operacións de Telefé e de Viacom Arxentina e Mariana Pérez, responsable de entretemento en The Walt Disney Company; e ao longo destes días teranas con Fernando Bassi, director, creador e produtor executivo para WB, Netflix e Mediaset; Darío Turovelzky, director de contidos globais para Telefé e Viacom Cono Sur, e Juan Torres, responsable de vendas e adquisicións Internacionais de Latexado Films.