Un millón de euros de reforzo para axudar aos máis vulnerables da pandemia

alberto lorenzo REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

.

O plan «Ningún fogar sen alimentos» dobra a dotación que se logrou

11 jun 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O millón de euros recadados polas achegas solidarias de cidadáns e empresas na campaña Ningún fogar sen alimentos foi dobrado. Os tempos excepcionais esixen respostas excepcionais e, constatado que os bancos de alimentos rexistraron un incremento da demanda dun 50 % no último ano, a Fundación ”a Caixa” decidiu dobrar a contía actual. Doará un millón de euros adicional. Isto sumará, por agora, un total de dous millóns de euros, que se distribuirán entre os 54 bancos de alimentos asociados á Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) para axudar ás persoas máis afectadas pola pandemia.

A Fundación ”a Caixa”, en colaboración con CaixaBank , impulsou en abril a citada acción solidaria para paliar as consecuencias máis extremas da pandemia. Segundo a FESBAL, a demanda de axuda disparouse tras o comezo da pandemia e os bancos de alimentos atenderon a medio millón de persoas máis que o ano anterior. En total, asistiron a 1.560.000 persoas, das cales 360.847 eran nenos de entre 0 e 14 anos.

Por iso, a Fundación ”a Caixa”, CaixaBank e a FESBAL fan un chamamento ás empresas e á sociedade española para que continúen mostrando solidariedade con quen máis a necesitan.

«A crise sanitaria empeza a remitir grazas á vacina, pero a urxencia social persiste. A cidadanía respondeu con xenerosidade a esta acción indispensable para que as familias máis vulnerables teñan cubertas as súas necesidades básicas. Debemos facer fronte a esta situación axudándonos uns a outros e, por iso, a Fundación ”a Caixa” achega un millón de euros máis», anunciou o presidente da Fundación ”a Caixa”, Isidro Fainé. Comprometidas coa acción, miles de persoas sumáronse ao movemento #NingúnHogarSinAlimentos, entre eles, celebridades como o actor Antonio Banderas, a modelo Vanesa Lorenzo e o chef Ferran Adrià, que contribuíron a dar visibilidade E pondo en valor o compromiso dos bancos de alimentos.

Na primeira edición de Ningún fogar sen alimentos, recadouse o ano pasado, nun momento excepcional marcado pola pandemia, un total de 2,4 millóns de euros, aos que se sumou un millón adicional achegado pola Fundación ”a Caixa”.