«Método criminal», mellor estrea dunha serie en TVG desde o 2017

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

A comedia negra tivo unha audiencia media de 118.000 espectadores e unha cota de pantalla do 11,8 %

02 feb 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Boa estrea de Método criminal o pasado domingo en horario de máxima audiencia (22.30 horas) en TVG. A nova ficción de Voz Audiovisual fíxose un oco como terceira opción fronte ao resto da oferta televisiva nacional. E iso que competía contra Sálvame Deluxe en Telecinco , a serie A miña filla en Antena 3 e o pase da longametraxe O primeiro home na 1. Cunha cota de pantalla do 11,8 %, Método criminal tivo unha audiencia media de 118.000 espectadores, o que a converten na mellor estrea dunha serie de ficción en Televisión de Galicia desde o 2017.

  

Metalinguaxe televisiva

Da man de Voz Audiovisual, produtora doutras ficcións como Néboa, A Lei de Santos, Serramoura e Matalobos, chega esta historia ambientada en dous mundos: un tanatorio que funciona como tapadeira dun clan de mafiosos e unha produtora audiovisual que quere pór en marcha unha serie sobre a revolta irmandiña.

Damián Canosa (Miguel Canalejo) ten que facerse cargo do negocio ilegal do seu pai, o narcotráfico. Pero nin sabe nin está disposto a facelo porque quere seguir atendendo o establecemento legal, un tanatorio, a súa verdadeira vocación.

Hai que destacar que Damián é fan declarado das series de Televisión de Galicia, das cales coñece todas as reviravoltas. Sobre todo, é admirador de Matalabos, a ficción que o marcou para sempre.

Baixo ameaza de morte, a Damián non queda máis remedio que aceptar o cargo de xefe do clan dos Canosa e intentar facerse respectar. Con ese obxectivo busca a alguén que poida ensinarlle a converterse nun líder temido, alguén como o seu admirado Carmelo Matalobos. O problema é que se trata dun personaxe de ficción inexistente, e por esta razón Damián decide secuestrar a Luis Iglesia, o actor que lle deu vida na mítica serie de TVG, para que lle ensine a interpretalo.

Os actores Luis Iglesia e Miguel Canalejo comparten protagonismo nesta serie, en cuxo reparto tamén se atopan outros intérpretes como María Vermella, Sabela Arán, Alberto Rolán, David Seijo, Adrián Castiñeiras, Susana Sampedro, Carlos Villarino, Miguel Borines, Mara Sánchez, Lidia Veiga, Neves Rodríguez, Mariana Expósito ou Paloma Otero, entre outros. Todo baixo a dirección de Jorge Saavedra e Ozo Perozo, con argumento de Alberto Guntín, Lidia Fraga e Jacobo Díaz.