En busca do raio verde

Xavier Fonseca Blanco
Xavier Fonseca REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

Xavier Fonseca

Cun pouco de sorte, nun día anticiclónico e co horizonte despexado, é posible observar este fenómeno

14 jul 2017 . Actualizado ás 07:31 h.

O ocaso é un dos acontecementos diarios máis belos e tamén unha clase de física. Lémbranos que a Terra é a que vira ao redor do sol. En realidade, o astro nin sae nin se pon. Esa terminoloxía pertence á época precientífica, cando o home se cría o centro do universo e dominaba a teoría geocéntrica. Tamén é posible reflexionar sobre a natureza da luz. A súa velocidade é alta pero finita, 300.000 quilómetros por segundo. O sol está a cento cincuenta millóns de quilómetros e, xa que logo, a luz necesita oito minutos para chegar ata o noso planeta. Na práctica, isto significa que o astro rei xoga ao descoido, xa que nunca está onde parece senón que o vemos como era fai oito minutos. Existe unha posición real e aparente e cando vostede está a ver como desaparece xa non está aí.

Durante o ocaso recibimos ademais unha lección sobre as cores da natureza. A nosa estrela, como a luz que emite, é branca, e só ao descompola descubrimos que está feita das cores do arco iris. A luz procedente do sol penetra na atmosfera e prodúcese un fenómeno de dispersión. As cores que se dispersan en todas as direccións con maior facilidade son o violeta e o azul, que pintan o ceo. En realidade, o ceo é máis violeta que azul pero os seres humanos non o vemos así porque o noso cerebro non está deseñado para iso.

Á tardiña, o astro está baixo sobre o horizonte, e a luz ten que atravesar moita máis atmosfera. O azul espállase tanto que non é capaz de chegar ata os nosos ollos. Comezan a aparecer entón as cores que están a continuación, o vermello e o amarelo. E cun pouco de sorte, nun día anticiclónico e un horizonte despexado é posible observar o raio verde. Uns segundos antes de que o sol se poña, os tons vermellos e amarelos tamén teñen dificultades para acadarnos e deixan paso ao verde. É un efecto óptico moi escurridizo e talvez por iso sempre estivo envolvido nun certo halo de misterio. Pero hoxe, con tanta tecnoloxía, está máis que confirmada a súa existencia. «Non é moi difícil de presenciar cun pouco de paciencia, o complicado aquí en Galicia é que se dean as condicións ideais para poder captalo», comenta o astrofotógrafo galego Óscar Blanco , autor da imaxe que acompaña ao texto.

Julio Verne dedicou unha das súas obras ao raio verde. Desde entón, a lenda que acompaña ao fenómeno conta que se dúas persoas o ven ao mesmo tempo quedarán unidas parasempre .