Jack o Destripador era un inmigrante polaco, segundo unha análise de ADN

judith moura LONDRES / EFE

SOCIEDADE

Atlas TV

O chal dunha das vítimas contiña mostras do suposto asasino

08 sep 2014 . Actualizado ás 18:08 h.

Un novo libro sobre Jack o Destripador asegura que o asasino en serie que sumiu no terror ao Londres de finais do XIX era un inmigrante polaco de 23 anos chamado Aaron Kosminski, que na época foi considerado sospeitoso. O británico Russell Edwards desvela en Naming Jack the Ripper (Identificando a Jack o Destripador) a suposta identidade do delincuente, que en 1888 matou polo menos a cinco mulleres, ás que degolou, destripó e abandonou en ruelas do barrio de Whitechapel.

Edwards, que confesa ser «un detective de butaca», mantén que o enigmático asasino foi «definitiva, categórica e absolutamente» o polaco Aaron Kosminski, que acabou morrendo en 1919 de gangrena na perna no psiquiátrico onde ingresou en 1891. Kosminski, afectado de graves problemas mentais, emigrou a Inglaterra desde a Polonia controlada por Rusia cos seus pais en 1881 e a familia estableceuse en Mile End, preto de Whitechapel, onde traballou de perruqueiro. Na época, a Policía Metropolitana de Londres, tamén coñecida como Scotland Yard, considerou ao novo un de seis sospeitosos, aínda que non obtivo probas concluíntes.

O autor do libro, que publica mañá a editorial Sidgwick&Jackson, estableceu a autoría de Kosminski tras facer analizar un chal que presuntamente pertenceu a unha das vítimas e que el comprou nunha poxa. Supostamente, o sarxento Amos Simpson da Policía londiniense recolleu a peza preto do corpo da segunda vítima, Catherine Eddowes.

Simpson quíxollo dar á súa esposa, pero esta, ao velo con sangue, negouse a levalo, e o chal foi pasando a través das xeracións ata ofrecerse nunha poxa que tivo lugar no 2007 en Bury St. Edmunds, no condado inglés de Suffolk.

Tras adquirir a peza, Edwards encargou ao profesor de bioloxía molecular Jari Louhelainen, da universidade John Moores de Liverpool, que a examinase detidamente. Edwards e o seu socio científico compararon as mostras achadas no rebozo co ADN de descendentes do suposto asasino e a ocasional prostituta. «Cando descubrimos a verdade, foi a sensación máis incrible de toda a miña vida», afirma Edwards. «Grazas a deus que o chal nunca se lavou, pois contiña probas clave», engade.

Aínda que o libro ofrece sin duda material para a reflexión, é improbable que poña fin ás especulacións que desde hai 126 anos rodean aos crimes de Whitechapel, que tantas novelas e películas inspiraron.