O dobre crime de Cervo en «Na mente do asasino»

H. R. REDACCIÓN / LA VOZ

PRATA O Plomo

Televisión de Galicia emite a partir das 22:30 horas o documental sobre o crime que cometeu José Ángel Cuadrado

12 ene 2021 . Actualizado ás 20:59 h.

No episodio desta noite, Na mente do asasino, producido por Voz Audiovisual, afondará no dobre crime de Cervo. A José Angel Cuadrado detivérono cando ameazaba con tirarse da ponte dos Santos que separa Galicia de Asturias. Foi el quen alertou a Emerxencias do regueiro de sangue que deixaba detrás. Matara á súa sogra mentres durmía e á súa muller á que abordou despois de saír da ducha.

As débedas económicas, con denuncias por falta de pagamentos, estarían detrás da decisión deste empresario lucense que estivo máis de 30 horas fuxido pola comarca da Mariña. Declarou que tentou suicidarse ata en tres ocasiones: colgándose, tirándose pola xanela dun hotel e lanzándose á ría. O certo é que non chegou a facelo.

Coas intervencións de Jorge Sobral, catedrático de psicoloxía criminal; Jorge Ramón López López, criminalística Garda Civil; José Luis Raposo Cabo, Garda Civil; José Luis Cascallana, forense do Imelga; Jesús Álvarez, párroco; Alfonso Villares, alcalde de Cervo; e Marco López; familiar das vítimas, Na mente do asasino profundará no caso e nos detalles dos feitos.

No debate posterior en plató, o xornalista Pablo Carballo estará acompañado por diversos expertos de diferentes ámbitos para analizar as connotacións do que os expertos consideran crimes altruístas. Luis Ferrer, psiquiatra; José Luis Raposo, Garda Civil; Jorge Sobral, catedrático de psicoloxía criminal; e Luis Alamancos, criminólogo, participarán no coloquio.

Na mente do asasino é unha serie de quince documentais, acompañado doutras tantas mesas de debate posteriores presentadas que afondan nos impulsos e pensamentos das persoas que cometeron algúns dos crimes galegos máis impactantes dos últimos tempos.