Contra o mal tempo, lacón con grelos

La Voz SANTIAGO

ORDES

Sandra Alonso

A hostalería mantivo no máis alto o listón da festa de Mesón do Vento, en Ordes

10 mares 2024 . Actualizado ás 21:57 h.

Fronte ao mal tempo, lacón grelos. Por iso a popular festa gastronómica de Mesón do Vento, na parroquia de Ardemil (Ordes) é infalible. Esta fin de semana aumentou a choiva na localidade, sobre todo o sábado, pero a festa seguiu adiante con notable afluencia, aínda que algo menor que o ano pasado, e este domingo só se suspendeu, do amplo programa, a carreira de burros que ía celebrarse á primeira hora da tarde.

Por contra, o ambiente non decaeu nos restaurantes e bares do Mesón, sobre todo os máis próximos ao recinto feiral, onde despacharon sen pausa racións e tapas de lacón con grelos facendo honras ao prato máis afamado da zona, unha das máis relevantes de Galicia en canto á produción da planta. Os restaurantes Avelino, A Ruta, Canaima, O Mesón Novo ou o café bar Armas tiveron unha alta demanda deste prato, elaborado en grandes pero saborosas cantidades.

Sandra Alonso

O recinto feiral centrou boa parte do interese da concorrencia, coa exposición de gando e aves de curral, así como a feira de produtos do campo, maquinaria agrícola e de artesanía. A poxa de vacas acadou transaccións medias de 3.127 euros por cabeza e a máis valorada, en 3.950 euros, foise para unha gandería do concello lugués do Incio.

Outro dos atractivos foi o concurso morfológico de cabalos e eguas de pura raza galega, así como as probas de andaina tradicional galega e, xa pola tarde, de trote libre. No certame equino, o gran triunfador foi un dos habituais e máis galardoados nas exhibicións de pura raza galega, a gandería Lino Freire, de Oza dos Ríos.

Xa avanzada a tarde, unha vez concluídas as probas equinas, continuou o espectáculo coa exhibición de moto freestyle do piloto portugués Paulo Martinho. O grupo Dilema, que xa se encargou de amenizar a sesión vermú, puxo o broche musical a partir das sete para pechar esta edición da Festa do Lacón con Grelos, que foi a número vinte e cinco.