Dalia García Couso anuncia continuísmo con «sinal persoal» en Melide

SANTIAGO / LA VOZ

MELIDE

A nova alcaldesa substitúe á conselleira Ánxeles Vázquez, á que agradeceu introducila na política municipal

18 oct 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Melide pechou onte o período de interinidade obrigado polo acceso da exalcaldesa Ánxeles Vázquez, o pasado día 5, á Consellería de Medio Rural. Dalia García Couso recibiu o bastón de mando de mans da súa antecesora e ofreceu unha política próxima aos veciños, de man tendida aos grupos da oposición e en comunicación constante cos axentes sociais, coa Deputación, a Xunta e o Estado «para alcanzar as maiores cotas de benestar e progreso».

Dalia García, de 30 anos e licenciada en Ciencias Políticas pola USC, onde tamén é docente, accedeu á política municipal no 2011 da man de Ánxeles Vázquez. Para a actual conselleira de Medio Rural tivo palabras de agradecemento, na súa intervención tras tomar posesión do cargo, por depositar nela a confianza que lle permitiu coñecer «un mundo novo e ilusionante como é o da política local» e por ser a persoa «a traves da cal puiden coñecer a un equipo de xente traballadora e honrada coa que xa levo compartido moitas vivencias e momentos dende a pasada lexislatura».

«Deixas ou mellor legado»

Tras desexarlle a Ánxeles Vázquez os maiores logros nas súas novas responsabilidades no Goberno de Galicia e afirmar que «deixas o mellor legado posible para Melide», García Couso agradeceu aos outros sete membros do grupo municipal do Partido Popular, un a un, a confianza que despositaron nela para ser designada nova alcaldesa. Aludiu a eles como «un equipo de persoas preparadas e honradas que reforzan hoxe máis se cabe o seu compromiso para con Melide». Tamén deu a benvida ao grupo a Rolando Mejuto, o número 9 da lista electoral do PP, que asume a acta de edil que deixou vacante Ánxeles Vázquez. A súa toma de posesión foi previa á da nova alcaldesa.

«Sei que todos xuntos imos levar adiante este proxecto sen escatimar esforzos, con xenerosidade e dedicación absoluta, para estar á altura do que nos demanda a veciñanza de Melide», engadiu Dalia García. Tamén se referiu aos empregados municipais, dos que manifestou que a súa experiencia xestora e a súa profesionalidade «é fundamental para estar á altura da confianza que lles pedimos aos veciños e veciñas de Melide».

Selo propio

Herdeira do legado político de Ánxeles Vázquez, a nova alcaldesa aprendeu dela unha xestión pegada aos veciños. «Dende esta alcaldía que asumo dende o respecto e a honra que se me outorga, non podo ofrecer máis que un traballo incesante, diálogo e comprensión cara aos veciños e veciñas co único fin de defender os intereses de Melide», afirmou antes de anunciar unha política continuista á que, no entanto, quere engadir o seu selo persoal «dende unha política de consenso, colaboración e respecto sempre en aras de conseguir o mellor para Melide».

Preguntada por La Voz, García Couso engadiu que ese sinal pode relacionarse, de partida, co desenvolvemento da adminsitración electrónica e a transparencia. A nova edila encargábase ata agora da delegación de Xuventude, Medios de Comunicación e Novas Tecnoloxías.