O PP ve posturas diversas do PSOE de Ames e de Santiago sobre a humanización do Milladoiro

La Voz SANTIAGO

AMES

MINISTERIO DE TRANSPORTES

Os populares subliñan as medidas solicitadas polos socialistas composteláns no pleno, fronte ao peche de filas en torno ao proxecto dos amienses

01 may 2024 . Actualizado ás 05:05 h.

O PP de Ames asegura non saír do seu asombro ante as posturas diversas do PSOE amiense e de Santiago sobre as obras de humanización do Milladoiro, ás que os populares se opoñen. Explican que mentres os socialistas de Ames «pechan filas en torno a esta desastrosa humanización» como hooligans, os seus compañeiros de partido en Santiago levan a pleno unha petición para que o goberno local leve a cabo coa Consellería de Infraestruturas unha planificación de mobilidade no corredor Pardiñas-Galanas, ao considerar que verá afectado cando O Milladoiro teña só un carril por sentido para soportar un tráfico diario de 31.000 vehículos.

 Fronte aos temores dos socialistas en Santiago de que o corredor non logre asumir ese volume de tráfico, sinala o PP que os de Ames miran a outro lado e nin sequera falan con administracións afectadas como a Xunta.