A exposición «Tesouros reais» recibe 10.000 visitas no seu primeiro mes no Gaiás

La Voz

SANTIAGO

XOAN A. ADOITAR

A Cidade da Cultura reforzou os percorridos comentados debido á ampla demanda

23 abr 2024 . Actualizado ás 04:55 h.

A exposición «Tesouros reais», que permite ver por primeira vez en España pezas destacadas procedentes do Museo de Terra Santa de Xerusalén, recibiu a visita de 10.000 persoas durante o seu primeiro mes de apertura no Museo Gaiás, segundo destacaron onte desde a Consellería de Cultura.

Ademais das visitas con entrada libre, a mostra inclúe un programa de percorridos comentados gratuítos tanto para o público xeral como para os centros educativos. Precisamente, debido á alta demanda que rexistraron, esgotándose as prazas dispoñibles moi pronto, reforzarán a súa oferta. Agora, está aberto o prazo de inscrición ata o día 12, con xornadas onde haberá visitas guiadas tanto pola mañá como pola tarde. Onte, xa quedaban de novo moi poucas dispoñibles, con días con todas cubertas.

A exposición reúne obras de ourivaría, xoiería, roupas litúrxicas, cálices ou códices, entre outros, que ao longo dos últimos séculos foron doados ao Santo Sepulcro polas grandes coroas europeas como mostra de poder e devoción. Trátase de obras únicas xa que foron encargadas aos mellores ourives do momento pola realeza. A mostra pódese visitar na Cidade da Cultura ata o 4 de agosto.