Do circo á Vaca Lola e Dumbo: o público familiar cobra protagonismo en Santiago

La Voz

SANTIAGO

Ramón Leiro

Hoxe o Teatro La Salle acollerá «Caperucita Vermella, un musical xenial»

14 abr 2024 . Actualizado ás 04:55 h.

É público entregado, pero tamén esixente. Son os máis pequenos da casa que cobran protagonismo na programación cultural desta primavera en Santiago. Onte a cita era coa compaña A Baldufa, que levaba ao Teatro Principal o espectáculo «Amal», e hoxe tomará a testemuña «Caperucita Vermella, un musical xenial» (18 horas, Teatro La Salle, 14 euros), que evoca o conto clásico con música, decorados, sorpresas e efectos especiais.

Ademais, esta próxima semana, con motivo do Día do Circo, unha efeméride que se celebra cada terceira semana de abril, están previstas dúas citas: unha no Gaiás e outra no Auditorio de Galicia. A Cidade da Cultura programa o vindeiro sábado (18 horas, edificio CINC, 5 euros) o espectáculo «Royal Circ», a cargo da compaña A Finestra Nou Circ. A montaxe combina xogos malabares, humor, equilibrios, música e acrobacias para relatar a historia de dous personaxes de circo antigo que buscan un lugar onde establecerse co seu espectáculo ambulante.

Pola súa banda, o domingo día 21, a cita co circo será no Auditorio de Galicia, coa xa tradicional gran gala que está coordinada por Pistacatro Produtora de Soños. Ao escenario subir artistas locais e doutros puntos para ofrecer un espectáculo con variedade de artes circenses. O humor servirá como fío condutor desta proposta dirixida ao público familiar. A cita será ás 18.30 horas e as entradas custan tres euros.

Tamén o vindeiro domingo, pero no Teatro La Salle, está previsto o musical «Dumbo» (17 horas, desde 15 euros). A proposta familiar con voces en directo «non só fala da inclusión senón que toca temas como o acoso que sofren os que son diferentes». Deste xeito, o equipo Candileja aborda o «bulling» co obxectivo de rematar con el e tamén fomentar a inclusión social.

Maio comezará coa vaca máis famosa entre os máis pequenos en Compostela. «A vaca Lola e os seus amigos» recalará no Teatro La Salle o día 4 (17 horas, desde 13 euros). A vaca Lola xunto aos seus amigos, a través da música e o baile, ensinarán aos máis pequenos e grandes «a valorar a importancia da alimentación, o respecto pola natureza e o verdadeiro significado da amizade».

Tamén esa primeira fin de semana de maio levará a cabo o ciclo organizado por Compostela Cultura destinado a bebés e aos menores de tres anos, «PorVezPrimeira». Deste xeito, o Auditorio de Galicia e o Teatro Principal convértense no lugar da primeira experiencia cultural. O día 4 de maio, no Principal, está programado o espectáculo «Coliño» a cargo da Xanela do Maxín. Contará con dúas sesións, unha ás 17 e outra ás 18 horas, cunha duración de corenta minutos. Está recomendada para menores de tres anos. Trátase dunha obra musical e sensorial nas que os pequenos poden estimular os sentidos e as emocións. Para iso, A Xanela do Maxín bota man de sons, luces, cores e unha coidada posta en escena.

Ao día seguinte, celebrarase a segunda obra deste ciclo, «Univers», a cargo de Engruna Teatre, que propón unha experiencia sensorial para a primeira infancia chea de poesía visual, música en directo e movemento. Neste caso, haberá sesións ás 11 e ás 12.30 horas. O prezo das entradas en ambos os casos é de 3 euros.

Xa o 18 de maio, outro clásico, pero neste caso cambiando de xénero da protagonista, «Pulgarcita» (19 horas, Teatro La Salle, desde 5 euros). Pulgarcita protagonizará unha historia chea de aventuras na que mostrará a importancia da amizade, a imaxinación e a loita contra a contaminación.