Antón Permuy, novo adestrador branquiazul, aposta por un Compostela «atrevido, positivo e optimista»

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO LA VOZ / SANTIAGO

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O novo adestrador do conxunto branquiazul espera nesta primeira cita fronte ao Cayón un equipo que «ilusione e contaxie» á afección

22 mares 2024 . Actualizado ás 18:23 h.

O novo Compostela de Antón Permuy porase en marcha este domingo no campo do Cayón (12.00 horas). Ao equipo cántabro, situado na penúltima posición da táboa clasificatoria do grupo primeiro da Segunda Federación, con só catro vitorias en 27 encontros, quedan poucas opcións de salvación, polo que o novo corpo técnico do Compos considéralle un adversario complicado. Para este primeiro partido de Permuy no banco, o combinado da capital galega perderá ao canteirán Balsa, baixa de última hora por lesión.

O Cayón, que vén de encaixar un severo 4-0 no campo doutro dos pechacancelas, o Covadonga, nos tres últimos encontros como local empatou dous duelos e perdeu outro. Dos seus 23 puntos, 17 fíxoos o conxunto cántabro no seu campo. Permuy, ante o seu primeiro gran reto como técnico, lembra que «a primeira semana de traballo foi moi boa. Atopamos a todo o persoal cunha gran predisposición e o tempo que poidamos REVISAR estar nós no banco é o de menos. Estaremos o tempo que necesite o club. Nós só estamos a pensar na partida fronte ao Cayón. Está claro que se seguimos ata final de tempada é que os resultados son bos e que o equipo está mellor. Nós creemos xa desde o luns na opción de gañar este partido», explica o novo adestrador do Compostela.

Sobre os cambios que pode presentar o cadro branquiazul, o técnico destaca que «sobre todo, agardamos ver un equipo con ilusión e que contaxie á afección, un Compos atrevido, positivo e optimista. Este é o equipo que queremos». Agarda «sacar a mellor versión de cada xogador. Esa é a idea, emocionar e xerar ilusión, aínda que sabemos que a xente está cansa de palabras e quere feitos. Iso sabémolo perfectamente».

Sobre o adversario, Permuy explica que é «un equipo moi fiable en casa, pois a maioría dos puntos conseguiunos no seu campo. Varía sobre dous sistemas e é un equipo que respectamos moitísimo a pesar da súa situación na táboa clasificatoria. Ten unha identidade moi clara en cada partido, sobre todo cando xoga como local». Permuy, que se considera un canteirán máis, lembra que coñece perfectamente aos xogadores das categorías inferiores e asegura que «terán a porta aberta do primeiro equipo e non será estraño ver canteiráns na aliñación».

O novo adestrador ten moi claro o que agarda da afección: «O mellor para todos é a unión e ir na mesma dirección. Necesitamos a axuda de todos para poder gañar partidos».