Un córner decidiu a favor do Compos o derbi ante o Fabril

SANTIAGO

Sandra Alonso

Hugo Matos marcou ao fío da media hora de xogo nun partido con moi poucas ocasións de gol

17 feb 2024 . Actualizado ás 20:02 h.

Un córner decidiu a favor do Compos un derbi anodino disputado por dous equipos máis preocupados por anularse mutuamente que por buscar a portería rival con determinación. Gañou o que conseguiu abrir o marcador nun choque moi pechado.

Se en Ourense Míchel Alonso optou por xuntar aos futbolistas de máis toque na formación titular, esta vez decantouse por un once máis físico, menos dotado para a química, con David Soto no lateral dereito, dúas centrais, Pablo Antas e Antón de Vicente na dobre función de áncora e temón por diante da liña de cobertura, con Hugo Matos pola dereita e Parapar pola esquerda, Manu Barreiro en punta e, por detrás, Jaime Santos.

O Compos optou por xuntar liñas en campo propio con intención de non deixar espazos ao rival, para que non puidese saír con velocidade, á conta de trenzar moi pouquiño fútbol en ataque. E o Fabril, que non se vía ameazado, aceptou dispor de máis posesión pero con paciencia, sen asumir riscos, á espera de que o triángulo formado por Brais, Alfaro e Jairo atopase algunha greta ás costas da zaga local. Non foi o caso.

Así transcorreron os 45 minutos da primeira parte, con moi pouca historia, máis aló da do gol de Hugo Matos ao fío da media hora. O canteirán cazou un rexeite á saída dun córner, ao bordo da área grande, algo escorado á dereita, con moito espazo ao redor e moita acumulación de xogadores diante. Pero conectou un gran chute que tocou lixeiramente en defensa e acabou na rede.

De aí ata o intermedio fóronse consumindo os minutos con anestesia. E con Manu Barreiro forzando para chegar ao descanso despois de pedir o cambio no minuto 26, para non esgotar unha das fiestras.

O ariete quedou na caseta para deixar o seu sitio a David Grande e Óscar Gilsanz tamén fixo un cambio. Entrou o xuvenil Kevin por Alfaro. O que non variou foi o guion.

Os visitantes tiveron unha ocasión moi clara aos dez minutos da continuación. Lacheure, con todo a favor, cabeceou fóra. Non foron capaces de desenredar a un Compos que co paso dos minutos atopou máis espazos, pero sen chegar a pisar a área. As súas opcións chegaron de lonxe, nun par de chuts de David Grande e outro de Juampa que rexeitou Brais. E un de Hugo Matos e outro de Pablo Antas que saíron fóra.

Ficha técnica

 Compostela 1:Pato Guillén; David Soto, Álvaro Casas, Euse Monzó, Escoruela; Antón de Vicente (Samu, min 75), Pablo Antas; Hugo Matos (Manu Ramírez, min 81), Jaime Santos, Parapar (Juampa, min 63); e Manu Barreiro (David Grande, min 45)

 Fabril 0: Brais Suárez; Lacheure, Porto (Barba, min 81), Marotías, Bala (Berrocal, min 86); Vilán (Jorge, min 81), Brais, Alfaro (Kevin, min 45), Nájera; Jairo e Martín (Thim, min 64)

GOLES: 1-0, min 29: Hugo Matos.

ÁRBITRO: Sánchez Ingidúa. Amarelas a Jaime Santos e a David Grande

INCIDENCIAS: Vero Boquete de San Lázaro. Vixésimo terceira xornada de Segunda RFEF, con 1.333 espectadores nas bancadas. Gardouse un minuto de silencio en memoria de Cesáreo Otero, ex directivo do Compos.