Koke Rama: «Ante todo, moita calma»

KOKE RAMA

SANTIAGO

XOAN A. ADOITAR

A boa actitude do equipo ten que ser o primeiro paso para construír o carácter

11 feb 2024 . Actualizado ás 21:56 h.

Despois da derrota fronte a Unicaja, o Obradoiro acumula sete xornadas consecutivas sen gañar. E talvez xa empeza a reinar a intranquilidade e o nerviosismo.

O de Sar foi un partido onde o equipo santiagués aguantou o tipo ata principios do último cuarto. En fronte estaba un equipo que este curso é candidato a poder gañar outra a Copa do Rey , da que é anfitrión, e pelexarlle seriamente a Real Madrid e Barcelona a liga, co que a derrota ante os andaluces era previsible.

quedo coa boa actitude do equipo. E iso ten que ser o primeiro paso para construír o carácter que nos leve unha tempada máis á salvación. Pasamos por este tipo de situacións en innumerables ocasións. Sempre dicimos que o noso «título» ano tras ano é o da permanencia.

Deixemos traballar ao club e ao corpo técnico, arroupemos e animemos aos xogadores. É a única fórmula que coñezo en situacións como esta.

Non importa o que teña pasado ata agora. O pasado xa non existe. Só queda remar todos xuntos. Quedan doce partidos, seis en Sar, e aínda hai tempo para reverter a situación.

O pesimismo e o «falar barato» para os faladoiros no bar. Cando vaiamos a Sar tense que notar que un día nos elixiron como a mellor afección da Liga Endesa.

Ante todo, moita calma, Sinistro Total (dixit).