O primeiro centro de coidados intermedios de España abrirá en Santiago a finais do 2024

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

As obras comezaron no Cegadi e terá sesenta prazas

20 oct 2023 . Actualizado ás 13:21 h.

A Consellería de Política Social investirá en políticas sociais para os composteláns máis de 45 millóns de euros durante o 2024. A titular deste departamento, Fabiola García, explicou as novidades dos orzamentos do próximo ano nunha visita ás obras do que será o primeiro centro público en España de coidados intermedios, situado no Cegadi. García elixiu esta sede compostelá porque a capital galega «será unha das cidades que máis fondos capte do novo orzamento do 2024». En concreto máis de 45 millóns para mozos, nenos que se beneficiarán da gratuidade da educación infantil, persoas en risco de exclusión social, con discapacidade, ou maiores con dependencia.

As obras da primeira unidade de coidados intermedios de carácter público de España arrincaron a semana pasada no Cegadi e custarán máis dun millón de euros. A previsión, adiantou a conselleira, é que os traballos rematen en marzo ou abril do 2024, para que a finais do próximo ano estea operativo, «será cara o último trimestre do ano porque precisamos facer os trámites necesarios despois dunha obra».

Trátase dun centro ao que poderán ir os maiores que tiveron un ingreso hospitalario pero que polo seu estado de saúde aínda non poden volver aos seus fogares ou á residencia na que vivían. Sesenta prazas que permitirán a estas persoas recibir os coidados e rehabilitación que necesitan. En principio, apuntou Fabiola, poderán vir usuarios de todos os hospitais galegos e en canto ábrase o segundo centro destas características, no antigo hospital do Rebullón, en Mos, distribuiranse en ambos.

Aínda que hai sesenta prazas residenciais, os maiores que precisen rehabilitación ambulatoria tamén poderán acudir se así o determinan os profesionais sanitarios. «Mentres estean aquí recuperan a forma física pero tamén nos da tempo a nós desde a administración, se é preciso, de ir tramitando a dependencia ou a discapacidade», concluíu a conselleira de Política Social na visita ás obras deste novo centro.

O bono de 5.000 euros beneficia a 526 dependentes de Santiago

Unha das medidas estrela de Política Social, anunciada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no pasado debate do estado da autonomía, é un bono de cinco mil euros ao ano para todos aqueles dependentes que reciben as axudas para coidados na contorna familiar, independentemente do seu grao de dependencia ou da súa renda. En Santiago os beneficiarios serán 526 persoas, segundo os datos facilitados por Política Social. A eles súmanse outros 505 composteláns usuarios dunha residencia que recibirán o bono de 1.200 euros ao ano, tamén con independencia da capacidade económica e grao de dependencia. En total máis dun milleiro de maiores do concello de Santiago que verán incrementadas as axudas que reciben cada ano.