Whittington e Yusta permutaron

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

ÓSCAR MATXIN LOF

As estatísticas invitaban a que o aleiro asistise e o pivote tirase

19 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Shayne Whittington é un cinco que pode moverse como un catro. O pivote está a asinar a mellor porcentaxe do equipo en tiro de tres, próximo ao 50 %. Fronte ao Bilbao anotou tres dos catro que intentou. Santi Yusta é un tres puro, cun bo dominio do balón no bote. Se houbese unha estatística de entradas a canastra estaría, con toda seguridade, entre os mellores.

Un e outro intercambiaron os papeis na xogada que decantou o partido do luns en Miribilla, ao pouco de entrar no último minuto. O pivote recibiu no poste alto e buscou corredor cara ao aro. Mumbrú fixo a axuda para tapar o paso e deixou só a Yusta na esquina. Whittington viuno e entregoulle o balón. Quedaban 47 segundos e o aleiro non dubidou. Podía ter dado un ou dous pasos, pero ensaiou desde detrás da liña de 6,75. Nese momento, Bendzius, no banco, xa alzou os brazos. E unha fracción de segundo antes de que entrase o balón, tamén Urtasun. De inmediato celebrouno todo o banco, a propósito do valor desa canastra. E nada máis concluír o encontro, os dous protagonistas fundíronse no abrazo que recolle a instantánea.

Yusta podería ser un extraordinario xogador de póker, porque non adoita exteriorizar as súas emocións. Pola súa cara é difícil adiviñar como está transcorrendo o partido. Whittington é a antítese, a expresividade. E, ademais do abrazo, arrincoulle o sorriso ao seu compañeiro. De inmediato, no círculo posterior ao partido, Yusta viuse rodeado e levou os capóns de recoñecemento.

Nada de contas

O persoal gozou dunha xornada de descanso. A vitoria de Bilbao xa é historia e o futuro, seguindo a máxima implantada por Moncho Fernández desde que chegase ao banco de Sar, non vai máis aló do seguinte choque, o do domingo fronte ao Murcia. O vestiario non fai contas.