Amador Pena vence en Angrois

Carlos Rey SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Carreira Popular O CorreSan comeza a ritmo de marca con 600 participantes

31 jul 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Angrois vestiuse de gala para acoller a primeira proba da quinta edición do CorreSan. A carreira popular comezou apuntando a marca, con 600 persoas inscritas para o circuíto completo, fronte ás setecentas que o fixeron no global do ano pasado. Cabe agardar que se superen estas cifras, xa que se volverá abrir a inscrición de cara á proba estrela: a carreira nocturna do 3 de setembro.

En Angrois competiron un total de seiscentos participantes repartidos en cinco categorías. Amador Pena, do Club de Atletismo de Santiago, foi o primeiro en cruzar a liña de meta do percorrido de adultos, de cinco quilómetros de lonxitude. O atleta compostelán demostrou a súa capacidade para dosificar forzas e remontar, xa que completou a primeira volta da proba como terceiro. Seguírono de preto Alberto Chaves e Miguel Penedo.

Alevíns e benxamíns fixeron un percorrido de pouco máis dun quilómetro. Carol Santos, que xa gañara o ano pasado, volveuse facer coa vitoria un ano máis. Por detrás dela chegaron Sergio Prieto e Mateo Cao.

Na segunda proba, de case dous quilómetros e medio para as categorías de cadetes e xuvenís, impuxéronse Diego Alonso, Roberto Vieiro e Daniel Quintas.