A nova plataforma da toponimia permitirá a achega cidadá

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Agardan reunir 1,3 millóns de nomes ao incorporar a microtoponimia

28 jun 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

A nova plataforma galega da toponimia estará aberta á achega cidadá. Esa é a principal novidade da renovación do portal oficial de Toponimia de Galicia, ao que se sumará tamén georreferenciación dos nomes, así como información sobre a orixe de cada un deles, ademais das actualizacións no Nomenclátor. «A toponimia é, a partir de hoxe, unha ciencia colaborativa, onde todos podemos participar», explicou o secretario de Política Lingüística, Valentín García.

Con esta apertura á cidadanía, o obxectivo é completar aínda máis o traballo na recuperación do patrimonio cultural que representa a toponimia. Así o destacaron onte durante a presentación deste novo portal web (toponimia.xunta.gal), un acto ao que asistiron, ademais de García, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a directora de Amtega, Mar Pereira; a directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé; e o académico da Real Academia Galega Xesús Ferro. Con este proceso de actualización que está en marcha, agardan pasar dos 37.308 nomes de entidades de poboación recollidos no Nomenclátor, ás 1.300.000 referencias, xa que tamén se incluirá o traballo de microtoponimia, incorporando a denominación de pequenas terras ou vías, entre outros. «En Galicia temos que recuperar os nomes de lugares que foron habitados ou que foron traballados e que neste momento están en perigo pola desertización», asegurou Ferro.

O problema do despoboamento no medio rural é un dos motivos polos que urxe dar prioridade a esta recuperación toponímica. «Non é un proxecto con tempo indefinido, temos présa. Entón, todo mellor este ano que o ano que vén», engadiu o académico, en alusión a que a memoria sobre moitos lugares só permanece na memoria dos maiores. Por iso, apelou á axuda de colectivos veciñais, culturais, centros educativos e de todas aquelas persoas «con ansia de colaborar na salvación dun patrimonio».

Ademais de contribuír á recuperación da toponimia galega, o obxectivo deste novo portal, que se prevé estea operativo antes de final de ano, tamén é divulgala e dar a coñecer a súa singularidade. Con esta intención, a web pasará a ser máis accesible, de maneira que se adaptará aos diferentes dispositivos (PC, móbiles e comprimidos), ademais de facilitar o seu uso, ofrecendo información máis clara e reforzando o buscador para que haxa unha maior precisión na procura dos topónimos.

Esta web estará articulada en varias seccións. Xunto á de Colabora, para a achega cidadá, estarán, entre outras, a de Sabías que?, na que se dará a coñecer a orixe de cada topónimo; a de Detrás do nome, con vídeos tamén explicativos; ou a de Visor, que permite refinar máis as procuras. «Este é un paso importante nun proxecto que leva moitos anos. Por moito que avancen as novas tecnoloxías, os topónimos van ser necesarios sempre e non haberá ningún instrumento dixital, de xeolocalización ou que fale do territorio que sexa axeitado se non ten unha toponimia feita con rigor e que non esperte o interese da xente por seguir mellorando», asegurou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. 

A Igrexa, segundo Vicepresidencia, é o topónimo máis frecuente en Galicia, seguido polo de Outeiro, Vilar e Torre.

Unha aplicación que pode axudar tamén a servizos de urxencia

Os traballos de mellora da aplicación do Nomenclátor tamén pode supor, segundo destacou Rueda , unha importante ferramenta para os servizos de salvamento e urxencias. «Non hai nada máis útil que saber ao lugar ao que hai que acudir», afirmou o vicepresidente da Xunta. Nestes momentos, segundo destacou Inés Santé, xa están georreferenciados máis do 95 % dos topónimos e agardan completar o proceso este ano.

Galicia aglutina o 24 % dos nomes de España e supera a Portugal

A riqueza toponímica de Galicia queda patente na súa comparación con España. O representante da Real Academia Galega, Xesús Ferro, indicou onte que os 37.308 nomes de lugares habitados recolleitos supoñen o 24 % dos existentes en toda España. Ademais, esta cifra supera en 5.000 os contabilizados en Portugal. «Na toponimia temos unha información extraordinaria e, grazas as novas tecnoloxías, podemos ver a súa infancia», asegurou o representante da Real Academia. Explicou que estas cifras dan lugar a un caudal de nomes, que en Europa non existe quen lle iguale. «Habería que poñer en marcha o proceso para que a Unesco a declare Patrimonio da Humanidade, porque a riqueza que nós temos é algo que non se dá en todas partes e é un patrimonio que está en perigo», engadiu o representante da RAG .