«Ninguén cosía na miña casa; rescatei unha máquina Singer que atopamos»

SANTIAGO

13 novs 2023 . Actualizado ás 14:45 h.

Brais Albor Rodríguez sempre quixo ser deseñador. Cose desde os 14. Na súa casa atoparon unha máquina Singer que pertencía á primeira muller do seu avó e que ninguén utilizaba. «Ninguén cosía na miña casa; rescatei unha máquina Singer manual, e creo que o meu avó chegou a facer tres coxíns, pero ninguén máis coseu na miña familia», explica este compostelán de Villestro de 19 anos. Estuda segundo curso de deseño de moda na escola Mestre Mateo e xa ten o seu primeiro recoñecemento. Brais proclamouse gañador do premio revelación no Concurso Internacional de Criadores de Moda que se celebrou en Vila Verde, en Portugal. Fíxoo cun traxe formado por unha capa e saia de pano para o que se inspirou no oficio das bordadoras. No vestido insérense dez bastidores de madeira que presentan no seu interior motivos tradicionais bordados con fío en cores contrastadas. Estivo a traballar a lume de biqueira nesta obra practicamente ata o último día, e recibiu tanto apoio que tivo as súas reticencias á hora de recibir o premio, xa que lle dixeron que a organización quedaba cos traxes gañadores, algo que non quería. De momento, polo menos, tróuxollo de volta a Santiago. Brais quere finalizar os seus estudos na escola e perfeccionar os seus coñecementos de deseño e moda realizando por exemplo un máster de alta costura. Gustaríalle chegar a ser un importante deseñador e ter a súa firma propia, «pero tamén confeccionar os traxes». Con Brais viaxaron tamén outras tres alumnas de deseño de moda do centro que foron seleccionadas como finalistas deste certame, Laura Vega , Miriam do Río e Stéphanie Álvarez. O concurso buscaba promover os «lenços de namorados» -panos que bordaban as mozas casadeiras con símbolos e mensaxes de amor e que entregaban ao home que querían, quen se correspondía á moza llo anudaba ao pescozo- como elementos da tradición local, polo que os deseñadores e estilistas que participaron no evento tiveron que deseñar obras contemporáneas inspiradas nesta tradición real do século XVIII, que se mantivo ata ben entrado o XIX. Reportaxe O mozo compostelán Brais Albor, galardoado nun concurso internacional de deseño de Portugal