Yago Iglesias : «Fóra de casa xa non vas gañar nin no minuto 10 nin no 50»

Nieves D. Amil
neves d. amil PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

MONICA IRAGO

O técnico do Pontevedra CF recupera a Samu Maio para viaxar a Cantabria

16 mares 2024 . Actualizado ás 19:25 h.

Yago Iglesias sabe que o Pontevedra CF entra xa en tempo de desconto cara ao final de liga. O tictac que marca o calendario arrinca esta tarde ás 16 horas no campo do Raio Cantabria, un filial «pouco filial» en palabras do técnico granate. Está no último posto da zona de play off con 36 puntos e un refacho de resultados que poden facerlle caer da zona de confort. «Entre a zona de promoción e a de descenso hai poucos puntos. A liga está moi bonita en todas as partes da competición. Dos oito partidos que quedan, ímonos enfrontar a moitos equipos que se están xogando moitas cousas», sinala o míster, que para este encontro recupera a Samu Maio e perde por sanción a Churre. «Xa adestrou esta semana en plenas condicións e está ao 100 %», insiste Iglesias , que recoñece que ter o persoal completo facilita a organización ante un rival moi enganoso.

Pero, que agarda o Pontevedra CF? «Non está a ter bos resultados, pero cando o analizas e ves o que fai, dásche conta de que compite moi ben. Ten moita calidade a nivel individual. Sorprendentemente, nas últimas xornadas é un equipo que está a recibir goles, pero defende moi ben, como demostrou na primeira volta», engade o responsable do equipo. O Raio Cantabria, pola súa banda, recupera a dous xogadores importantes que non tivo no partido contra o Coruxo para xogar este domingo no seu feudo, ademais de contar con moitos futbolistas novos na dinámica do primeiro equipo. Pero a pesar do guion que se marca de partida, Yago Iglesias repite o mesmo mantra que leva proclamando desde o primeiro encontro da tempada. «Agardámonos un partido moi complexo, pero temos que centrarnos en nós, en seguir a nosa dinámica e a nosa idea. Imos coa ilusión de ir sumando de tres e estar no máis alto da clasificación», apunta o míster. O Pontevedra terá do seu lado o campo, que do mesmo xeito que en Pasarón, é de herba natural, pero «non está nas mellores condicións».

O persoal granate espera, xa que logo, un encontro «moi complexo». «É todo cuestión de estatística. No último tramo tivo resultados adversos, pero como compite, fai ver que sabe facer cousas ben e os partidos defínense por pequenos detalles», recoñece. No último encontro en casa, o Raio Cantabria caeu fronte ao Guijuelo, nun partido moi condicionado polas expulsións.

É por iso, que o adestrador granate ten claro que a estas alturas do campionato cando analizas os partidos dásche conta de como e en que minuto vanse conseguindo os puntos e iso permítelle coller unha idea global sen alterar a súa dinámica sobre o terreo. «Non cambiamos o noso xeito de xogar en casa ou fóra, pero chamamos a atención aos nosos xogadores para que saiban que fóra de casa non vas gañar no minuto 10 nin no 50», advirte o míster, que lles pide «cabeza fría».

Yago Iglesias agarda a un Raio Cantabria capacitado para manexar ben os tempos e estar vivo durante todo o partido. A pesar de ter recibido un par de goleadas do Compostela e o Ourense tamén foi capaz de noquear ao rival con marcadores moi avultados con cinco e catro goles a favor. O adestrador do Pontevedra CF  recoñece que xa ten case seguro cal será o once que sairá este domingo en terras cántabras, pero a semana sempre lle xera dúbidas. «Ao final cando ves adestrar ao equipo vanche cambiando as perspectivas individuais. Intentamos axuntar o que queremos co que nos expón o rival e cos futbolistas dos que dispomos. E como todos adestran tan ben o temos difícil», conclúe Iglesias .