Correndo tamén se cambia o mundo

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTEVEDRA

O reto da Media Maratón Solidaria lanzado desde Vilagarcía atraeu a uns 640 deportistas de toda Galicia, e de máis alá, que se marcharon encantados co percorrido e prometendo repetir

23 novs 2015 . Actualizado ás 05:10 h.

Xa advertiran os meteorólogos que o tempo ía cambiar. Que as temperaturas caerían en picado esta fin de semana, meténdonos de golpe nun outono que case esqueceramos. Pero nin sequera ese frío agardado e cortante, aderezado en ocasións cunhas xélidas gotas de choiva, logrou chafar a media maratón solidaria celebrada onte pola mañá en Vilagarcía. A carreira convocouna Zona Aberta, a asociación de comerciantes da cidade, que fai catro anos decidiu pór ao mundo a correr por unha boa causa. Nesta ocasión, a recadación da proba irase ás arcas de Arousa Solidaria, unha oenegué que ten como reto mellorar a vida de quen están máis preto.

Foron unhas 640 as persoas que, á mañanciña, puxeron as súas pernas en movemento para cubrir os vinte quilómetros de percorrido. A maioría aínda non o sabía, pero íanse atopar cunha ruta chaira e rápida, ademais de «ben sinalizada e con bo avituallamento». Así a describen, polo menos, Iago e Mario, dous amigos que disto de correr xa saben algo. Iago é de Moraña e Mario da Estrada. Os dous se han afeccionando a percorrer Galicia de proba en proba. «Hai que facer deporte», din. Pero recomendan non lanzarse a correr vinte quilómetros de golpe sen un pouco de preparación previa. «Nos corremos un pouco entre semana, imos ao ximnasio...».

Non sabemos se foi por falta de preparación ou por mala sorte, pero algún dos deportistas que onte se bautizaban na media maratón tiveron que abandonar a carreira. Foron poucos, e algúns renunciaron cando xa cubriran tres cuartos do percorrido. Cóntannolo xunto á carpa na que Damián González, experto en tratamentos musculares, ofrece masaxes aos corredores que participaron na proba. «Agradécenos moito, porque despois de correr, e co frío que fai, os músculos agarrótanse moito», explícannos.

Músculos agarrotados e tiróns foron, precisamente, as únicas incidencias que se rexistraron durante a carreira de onte. Así o confirman os integrantes do dispositivo que Protección Civil destacou na carreira. E así o confirma Rocío Louzán, a presidenta de Zona Aberta, que agardaba cun sorriso de orella a orella a hora da entrega de premios. Afirmaba Louzán que a carreira atraeu a Vilagarcía a corredores de toda Galicia e de Portugal. O palmarés da proba deulle a razón. Ao podio subir deportistas de Vimianzo, Bertamiráns, O Pino, Cabanas, Redondela, Viveiro... Pero tamén se subiu Miguel Ángel Bocos, un veciño de Valladolid que aproveitou as súas vacacións para vir correr ás Rías Baixas. «Como ía ter uns días libres, mirei o calendario de probas e decidín aproveitar para vir a esta», explicaba tras recoller o seu trofeo. A elección halle saído ao pedir de boca: levouse un premio e gozou de dous días fantásticos en familia. «A zona hanos gustado moito e ademais tivemos moita sorte co tempo. Dicían que ía chover e ao final portouse bastante ben e aguantou», reflexionaba antes de prometer volver noutra ocasión. «A experiencia foi moi positiva».

Pero non podemos mirar o palmarés da carreira sen mencionar ao gañador absoluto da media maratón solidaria. Correspondeu tal honra a Pedro Nimo, o actual campión de España de maratón. A este deportista sóbralle experiencia para afirmar que a de onte foi unha carreira «rápida» e que, polas condicións da xornada, os participantes ían espertarse hoxe «tocados».

Nimo, que coñece ben Vilagarcía porque pasou nesta cidade os veráns da súa infancia, aplaudiu a organización deste evento e lanzou un desexo ao aire: que o ano que vén sexan máis os arousáns que tomen as rúas para acirrar o paso dos corredores.