Poesía a ritmo de «Casares-Tón»

Marcos Gago Otero
m. gago MARÍN / LA VOZ

MARÍN

Alumnos e profesores do CEIP O Carballal poñen música e voz ao poema «Amemos» polas Letras Galegas

05 may 2017 . Actualizado ás 11:16 h.

Con entusiasmo, unha música pegadiza e bo ritmo, os rapaces e profesores do colexio O Carballal, en Marín, invitan a todos os galegos a disfrutar da poesía Amemos a ritmo de Casares-Tón. É a orixinal forma coa que toda a comunidade escolar, desde os nenos, profesores, pais, administrativos e o persoal da limpeza rinden homenaxe ao escritor Carlos Casares, protagonista do Día das Letras Galegas deste ano.

A elaboración dun videoclip cumplíu ademais con moitos outros obxectivos, que van máis alá da posta en valor do galego, que tamén. Os nenos aprenderon a traballar en equipo, aportaron as súas ideas sobre como facer o traballo da mellor forma posible, afrontaron con éxito os retos de escoller esa poesía entre a ampla produción literaria de Casares e involucráronse a fondo na gravación. E todo isto nun ambiente distendido e con moita ilusión.

Un resultado que, por certo, se pode ver en Youtube. Busqueno na canle da biblioteca do centro, O recuncho de Tambo, ou tamén na propia web da edición de La Voz de Galicia en Pontevedra e non quedarán indiferentes e, de paso, se se animan, apréndano a cantar -é moi sinxelo-.

O mestre de Educación Musical, Víctor Alfonso Castro, explicou que neste centro buscan fómulas innovadoras nas que misturar música, literatura e vídeo para implicar máis aos nenos.

O poema Amemos é idóneo para esta actividade interdisciplinar porque tamén difunde valores como a diversidade cultural. Da música encargouse Castro e da coreografía a mestra de Educación Física Paloma Pazos. «Foi unha iniciativa algo arriscada polo atrevemento de fundir o reguetón, coa estrutura cuadriculada no ritmo, cun poema moi irregular», recalcou o docente musical. As dúbidas do principio foron vencidas polo indiscutible apoio dos alumnos, que transmitiron unha contaxiosa atmósfera positiva na interpretación da peza elexida.

Esta actividade fará historia porque tamén se presentará mañá no Liceo de Ourense, dentro das Xornadas sobre Carlos Casares, ante a flor e nata do mundo literario galego. Pois, xa saben, se queren cantar un poema dun escritor de referencia en Galicia, agora poden facelo con Amemos, da man dos nenos do Carballal.