Os Suaves e Rosendo dan cana ao Cultura Quente de Caldas

c. barral caldas / a voz

CALDAS DE REIS

O festival de verán recupera os concertos tras tres anos sen música na carballeira

11 abr 2015 . Actualizado ás 05:05 h.

Cultura Quente retoma os concertos a ritmo de rock con traxectoria. O festival de Caldas presentou onte o seu cartel musical para as actuacións que terán lugar o próximo 20 de xuño, sábado, na carballeira da localidade. Os ourensáns Os Suaves ofrecerán na vila termal un dos seus últimos concertos dentro da xira de despedida que podería ser a definitiva. Rosendo, que xa actuou en Cultura Quente no ano 2002, os cántabros A Fuga e os santiagueses Novidades Carminha completan a oferta musical que xa está pechada.

O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, afirmou onte que, a pesar dos días que está a vivir, é unha satisfacción poder presentar o cartel do resurgimiento do festival, do que se considera «un dos seus pais». «Renace con humildade, o primeiro ano vai ser difícil, pero a intención é que quede e alcance as cotas que tiñamos», dixo o rexedor.

A concelleira de Cultura, María López, cualificou o cartel de «espectacular» a pesar de que só se programa un día de concertos e non dous como era habitual. Confía en tirón dos grupos para que a carballeira presente unha gran afluencia. O custo das entradas, que aínda non están á venda, é de 20 euros máis gastos en anticipada. Haberá acampada libre. Estela Rodríguez, de Radio Caldas, indicou que se están pechando aínda moitos detalles, como a orde e a duración das actuacións, aínda que a idea é que arrinquen ás 20.30 horas do día 20 de xuño. «É a primeira vez que nos facemos cargo da organización e estamos en contacto coa produtora Esmerarte», sinalou. Está a negociarse con outros grupos para ampliar o cartel, así como diversos patrocinios. «Os Suaves queren tocar dúas horas e cuarto e adiantáronnos que haberá lumes de pirotecnia no escenario», adiantou Rodríguez.

Non é a primeira vez que a banda ourensá de rock toca en Caldas. De feito, fixérono en 1997 nas Corticeiras, no que moitos consideran o xerme do que un ano despois xurdiu Cultura Quente. Aínda que o festival celebra este ano a súa edición número 18, para os concertos será a número 15, xa que a crise económica obrigou a suspender este apartado nos tres últimos anos. Kaldarte e a Feira do Viño completarán a oferta.