A Deputación de Pontevedra entrega o premio á mellor iniciativa empresarial SmartPeme

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Serán os propios asistentes á gala os que elixan a iniciativa gañadora entre as finalistas

08 may 2024 . Actualizado ás 17:09 h.

No marco da Gala de Emprendemento, que se celebra esta tarde, a partir das 19 horas, na Deputación de Pontevedra, o presidente provincial Luis López entregará o premio á mellor iniciativa empresarial do programa SmartPeme na edición 2023-2024.

Desde o goberno provincial precisaron que o evento, que será presentado pola xornalista Belén Xestal, «ten por obxectivo visibilizar e poñer en valor o tecido emprendedor». Deste xeito, previuse unha conferencia a cargo de Mercedes e Carmen Zaldívar, irmás fundadoras da empresa LMDI Collection (As Merceditas de Iria), «no que darán a coñecer a súa experiencia».

Elección en directo

En canto ao galardón, leste «recalará na mellor iniciativa empresarial que ao longo da edición 2023-2024 participou no programa SmartPeme e consiste nun bono formativo centrado no ámbito empresarial valorado en tres mil euros». Unha dos aspectos máis rechamantes deste certame é que serán os propios asistentes á gala os que escollan, en directo, a iniciativa premiada votando a través dos seus dispositivos móbiles entre o grupo de finalistas seleccionados. Estes daranse a coñecer, tamén, no transcurso da gala, engadiron desde a Deputación de Pontevedra.

Ademais, este evento servirá como «peche do itinerario de actividades complementarias ligadas a SmartPeme, o programa de apoio a pemes e persoas autónomas da institución provincial centrado nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as novas tecnoloxías e a mellora da competitividade empresarial», remarcaron.