Un concerto homenaxe para recordar a pegada de Dany Moure en Pontevedra

PONTEVEDRA

LUIS OTERO

A organización invita a músicos locais a integrar algunha das bandas que se conformarán en exclusiva para esta cita

25 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Os adxectivos quédanse curtos para falar de Dany Moure, quen faleceu o pasado agosto aos 44 anos. Tal foi a súa impronta e o seu legado que, tal e como destacaron dende Nothing but the Blues, a asociación recentemente xurdida para «preservar e difundir o legado musical» do artista pontevedrés, «a comunidade musical de Pontevedra únese nun tributo extraordinario para honrar a memoria de Dany Moure, un músico querido e respectado que deixou unha marca imborrable na escena local».

Deste xeito co anuncio do bautizado como Concerto Homenaxe a Dany Moure, desenvolverase o 4 de maio, data na que houbera cumprido os 45 anos, un espectáculo dedicado a celebrar a súa vida e legado musical. Esta cita, que terá lugar na cidade de Pontevedra, «reunirá a unha variedade de talentosos músicos e bandas que compartiron momentos inesquecibles con Dany ao longo dos anos. Este evento non só será unha oportunidade para recordar a súa música, senón tamén para celebrar a profunda pegada que deixou na comunidade musical local», destacaron dende este colectivo social.

Promover a música local

De igual xeito, no seo da organización remarcan que este evento «non só é unha celebración do seu talento musical, senón tamén un testemuño do impacto duradeiro que deixou nas nosas vidas. É un honor para nós preservar o seu legado e promover a música local a través deste evento», apuntaron ao respecto.

LUIS OTERO

Neste sentido, os integrantes de Nothing but the Blues precisaron que os afeccionados poden participar deste concerto homenaxe, xa sexa asistindo como público ou colaborando sobre o escenario. Así, dende a asociación non dubidaron á hora de convidar a músicos e artistas a unirse ao tributo, xa sexa interpretando as súas cancións favoritas de Dany ou integrando algúns das agrupacións especiais que se reunirán para a ocasión.

Por outra banda, e de cara a poder financiar esta cita, lanzarase en breve unha campaña de doazóns, venda de entradas anticipadas e crowdfunding. «Convidamos á comunidade a unirse a nós neste emocionante proxecto, cada doazón, cada entrada anticipada comprada, nos achega un paso máis a honrar axeitadamente a vida e o legado de Dany», incidiron lembrando que se habilitou un perfil de Instragram onde se volcará toda a información relacionada, xa no só coa asociación, senón tamén con este espectáculo. En principio, a través de este canle de comunicación darase a coñecer dende o cartel definitivo do concerto ata os horarios e o lugar onde se celebrará o mesmo.

LUIS OTERO

«Únete a nós neste viaxe musical para celebrar a vida e a música de Dany Moure. Xuntos, honraremos o seu legado e manteremos viva a súa memoria nos corazóns de todos aqueles que aman a música», concluíron.