A Policía Nacional reforza a vixilancia nas contornas de institutos de Pontevedra e Marín

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

POLICÍA NACIONAL

Os axentes poñen «especial atención na detección de posibles puntos de venda de drogas dedicados ao tráfico minorista»

24 feb 2024 . Actualizado ás 18:20 h.

No marco do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade, a Policía Nacional incrementou nos últimos días «os esforzos de vixilancia na contorna dos centros escolares, pondo especial atención na detección de posibles puntos de venda de drogas dedicados ao tráfico minorista». O obxectivo, conseguir a desarticulación destes puntos, así como proceder á detención e posta a disposición xudicial dos responsables.

Desde a Comisaría apuntaron que «para a realización destes servizos téñense en conta os horarios de entrada e saída dos alumnos», pero tamén os períodos de recreou. Así, cada semana realízanse controis aleatorios na contorna dos institutos da cidade de Pontevedra —Sánchez Cantón, Valle-Inclán, Torrente Ballester, Luis Seoane e Frei Martín—Sarmiento , así como de Vilagarcía e Marín.

En paralelo, fomentáronse as relacións entre os Delegados de Participación Cidadá da Policía Nacional, como coordinadores para o desenvolvemento deste Plan Director, e os directores dos centros educativos, «achegando asesoría técnica e apoio policial especializado en materia de menores e de mozas en competencias como prevención de consumo de drogas, acoso escolar, uso adecuado das redes sociais...».

Neste punto, insistiron en que as vixilancias en centros escolares son diarias abarcando tanto os centros educativos como as rúas, zonas e áreas adxacentes, especialmente nos de Educación Secundaria e Bacharelato, así como aqueloutros cuxa problemática específica o aconsella.