«O significado dos cadeados nas pontes é un pouco tóxico»

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

lópez penide

Noa Bernárdez, da Facultade de Belas Artes, ultima un traballo centrado nestas pezas

14 novs 2023 . Actualizado ás 11:45 h.

Cada vez é máis raro atopar unha ponte no que alguén non teña colocado un cadeado como símbolo de amor. É unha tradición que parece ser que xurdiu en Serbia por mor da historia de amor entre unha mestra e un oficial que se atopaban sempre nunha ponte. Coa I Guerra Mundial, o militar foi destinado a Grecia onde iniciou unha relación con outra muller e a súa prometida, ao decatarse, morreu. As mozas serbias, segundo esta historia a medio camiño da lenda, comezaron a colocar cadeados nesta ponte para atrapar, encadear, ás súas parellas.

«O significado dos cadeados nas pontes é, para min, un pouco tóxico, é encadearche a unha persoa para sempre». Con esta idea en mente, Noa Bernárdez, estudante da Facultade de Belas Artes de Pontevedra está retirando algúns cadeados de pontes da cidade do Lérez para realizar un traballo da materia de Arte e Espazo Social.

«A idea é quitar os cadeados da ponte, trasladalos á sala de arte póndoos nunha colaxe fronte a unha chave para que se liberen dese significado», explica a propia Noa Bernárdez.