A Deputación pide axuda aos comuneiros para buscar patrimonio cultural e artístico

PONTEVEDRA

«Sodes os que mellor coñecedes o terreo», díxolles Leal

21 ene 2016 . Actualizado ás 12:52 h.

A premisa é que se non se coñece que existe, raramente poderase pór en valor. Así que a Deputación pedirá apoio ás comunidades de montes para localizar patrimonio artístico e poder así pólo en valor. Adiantouno o deputado de Cultura, Xosé Leal (BNG), nunha visita ás comunidades de montes do Morrazo, onde se localizan varias mámoas e outros elementos patrimoniais de gran valor histórico.

«Sodes os que mellor coñecedes o terreo», díxolles Leal. Deste coñecemento preténdese valer agora a Deputación para canalizar a liña de axudas previstas para a recuperación de patrimonio. Haberá varias liñas orzamentarias para este fin. Dun total de seiscentos mil euros, para recuperar patrimonio histórico destinaranse catrocentos mil, mentres que outros douscentos mil serán para sinalización destes elementos.