«Non me acordo de nada. Non teño olfacto e os ollos non me choran»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

monica ferreiros

Andrea Cores sufriu fai un ano un accidente na curva de Curro . Estima que o límite de velocidade é excesivo e pon en dúbida o peralte do tramo

08 oct 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

Pasou tres días en coma e padece graves secuelas para sempre, pero a diferenza do veciño de Baión falecido esta fin de semana na curva de Curro (Barro), a vilagarciá Andrea Cores pódeo contar. Hai pouco máis dun ano, o 12 de novembro, sufriu un accidente no mesmo punto da PO-531, un tramo de estrada que acumula sinistros e queixas dos usuarios e veciños fronte aos que a titular da vía, a Xunta, respondeu este verán elevando o límite de velocidade que, curiosamente, reducira a finais do 2014.

«Eu non me acordo de nada. Os dous días anteriores e os posteriores borráronse, non os recordo. Tiven un traumatismo e non me acordo de absolutamente nada», explica a arousá. É por iso que Andrea tivo que recrear na súa cabeza o accidente grazas ao que lle trasladaron empregados das gasolineiras, o condutor do camión contra o que se encaixou o seu coche e as testemuñas. Así, relata que o seu automóbil «empezou a patinar, deu unha volta de campá e veu o camión... O certo é que o camión xa estaba parado e era o meu coche o que, patinando marcha atrás, invadiu o carril contrario e chocou... Logo esperteime no hospital».

Once meses despois da colisión, algunhas das secuelas que padece son visibles: «Teño parálise facial, ao rir, ao falar, nótase». Outras, non: «Non teño olfacto, os ollos non me choran, tiveron que operarme do oído para liberar o nervio facial e quedoume un zumbido no oído, molestias na cabeza, dor de costas continuos, mareos, vertixes... Téñoos e vanse a quedar aí, porque xa me deron a alta».

Neste tempo, o único contacto que recibiu por parte da Administración é unha carta da DXT informándolle de que ten á súa disposición o servizo de atención ás vítimas de accidentes de tráfico. «E punto». Da titular da PO-531, a Xunta de Galicia, nada de nada. Silencio.

A voz de Andrea emociónase cando refire que, poucos días despois do seu accidente, esta contorna da estrada de Pontevedra a Vilagarcía volveu ser escenario doutros sinistros de circulación. No seu caso concreto, «empezara a chover e a estrada estaba mollada, segundo din. Non se se os accidentes se producen por mor da choiva ou porque está mal peraltada», pero ten claro que a velocidade á que transitaba -o límite entón, do mesmo xeito que agora, é de 80 quilómetros por hora- non influíu en que perdese o control do seu coche: «A esa velocidade non ía. Non o podo demostrar porque perdín a memoria, pero estou segura ao 99,9 % de que eu non circulaba a esa velocidade». En todo caso, considera que a delimitación actual é excesiva e debería volver rebaixarse.

Aínda que puxo o seu caso en mans dun avogado, asume que a súa loita «é moi complicada». É por iso que a súa intención última, xa non é tanto conseguir unha reparación polo que viviu aquel 12 de novembro, senón que ningunha outra persoa teña que pasar pola súa calvario. «Evitar que haxa máis accidentes».

A ausencia de recordos do ocorrido permítelle á arousá transitar sen problemas por este tramo da PO-531, aínda que esta circunstancia non evita que senta unha mestura de impotencia e cabreo cando se producen feitos como o desta fin de semana. «É ver o que está a pasar, que non podes facer nada e que sabes que seguirán pasando».

Andrea Cores remata cunha pregunta: «Se a estrada está ben peraltada por que hai tantos accidentes e de súpeto moitos coches patinan nesa zona? É por unha corrente de aire?».