Os maiores de Ribadavia terán vantaxes no balneario de Cortegada

La Voz OURENSE / LA VOZ

RIBADAVIA

Balneario de Cortegada
Balneario de Cortegada Santi M. Amil

O Concello participa no Programa termal contra a soidade non desexada da Deputación

24 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Ribadavia e a Deputación provincial colaboran para desenvolver o Programa termal contra a soidade non desexada, destinado a maiores de 50 anos que viven sos no municipio. Poderán acudir ao balneario de Cortegada durante un período de seis meses este ano. O programa constará dunha sesión cada semana, cun custo de 19,80 euros ao mes. Comezará o 13 de marzo e as sesións do balneario serán os mércores en horario de 10.00 a 12.00 horas.

Os interesados deben apuntarse entre os días 26 de febreiro e 7 de marzo nas oficinas de Servizos Sociais de Ribadavia , onde poderán obter información

«O obxectivo principal deste programa é diminuír a soidade non desexada fomentando a participación en grupos e en comunidade, e ó mesmo tempo mellorar a calidade de vida e saúde das persoas maiores que viven soas. Así mesmo, con esta iniciativa potenciase o uso das augas termais da comarca do Ribeiro», sinala o alcalde, César Fernández.

O rexedor explicou que coa participación neste novo programa, o Concello continúa aumentando os proxectos destinados ás persoas maiores coa finalidade de mellorar o seu benestar e a súa calidade de vida. «Deste xeito, o programa termal contra a soidade non desexada ven a unirse a outros como o de axuda no fogar, xantar na casa, teleasistencia e ós talleres de memoria e animación social, todos eles co obxectivo fundamental de mellorar a calidade de vida dos nosos maiores» conclúe o alcalde.