O lobo «adoptado» por unha familia de Ourense segue desaparecido tras tres meses de procura

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

PUNXÍN

El lobo perdido en Punxín
O lobo perdido en Punxín Cedida

O animal, que ten chip, perdeuse en setembro e o seu dono, que reside nunha aldea de Punxín, cre que alguén o recolleu e levoullo

30 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Francisco Javier Soto regresou ao municipio ourensán de Punxín  este 2023 despois de varios anos residindo en Suíza. Comprouse un terreo no seu pobo natal e alí vive, rodeado de animais. Ademais de galiñas, coellos, gatos e cans, Francisco tiña dous lobos. «Son un amante dos animais. Encántanme de todas as especies», asegura. Dous días despois de que llo regalase un amigo, un dos lobos de Francisco escapouse da súa casa. Foi a finais de setembro e aínda non apareceu.

Mentres este Félix Rodríguez de la Fuente da provincia de Ourense, a súa moza e os seus amigos buscábano incansablemente, Lobo, que así se chama o animal, vagaba desorientado dun municipio a outro. Os primeiros en atoparllo foron uns veciños de Beade: vírono de madrugada por os arredores da tenda de alimentación do pobo. As fotografías que lle sacaron saíron en La Voz e axudaron a Francisco a seguir a pista do animal. «Ao principio contactábanme cada vez que o atopaban. Escribíronme que o viran en Boborás, en San Amaro e noutros municipios», conta. Algúns deses veciños conseguían darlle para comer, algo que tranquilizaba ao seu dono. «Polo menos vía que se deixaba alimentar e que estaba ben», confesa.

O animal, que ten mala orientación, non conseguía chegar a casa. De feito, aínda non volveu. «A última vez que me mandaron fotos del foi hai dous meses. Estaba en Boborás», conta Francisco. «Eu sinceramente penso que o recolleu alguén e que o levou. Extráñame moito que non fora así porque se non tería aparecido xa», engade. O veciño de Punxín non parou de buscar ao animal. Ao principio facía batidas para atopalo e agora mantense activo nas redes sociais para decatarse de se alguén ve a Lobo. Ás veces mándanlle fotografías de animais similares, pero que non son o seu. «Fai dúas semanas me contactaron a través dunha publicación no Facebook para dicirme que o viran, pero o que sae nas imáxenes non é Lobo, 100 % asegurado», afirma.

Ragnar con Soto, en su finca en Punxín
Ragnar con Soto, na súa leira en Punxín Miguel Villar

Lobo non era o único exemplar que tiña este veciño. Tamén está Ragnar, un híbrido de raza ártica, americana e ibérica de menos dun ano de idade. «De feito agora collemos outro lobo novo, para que Ragnar non quedara solo. Chámase Rocki. E no 2024 sumaranse dúas femias», comenta o criador destes animais. Todos teñen microchip e cartilla propia.

Lobo ten o pelo escuro. É de complexión fraca e tamén moi inquedo, aínda que se asusta con facilidade e tende a escaparse. «Sería unha alegría que aparecera. Eu a esperanza non a perdo, pero cóstame crer que está aínda pola comarca. Oxalá», remata Francisco.