Un caso de contrabando de tabaco na fronteira con Portugal chega a xuízo once anos despois en Ourense e acaba suspendido

Marta Vázquez Fernández
M. Vázquez OURENSE

OURENSE CIDADE

Tres de los cuatro acusados de contrabando, en la vista celebrada en Ourense
Tres dos catro acusados de contrabando, na vista celebrada en Ourense M. FERNÁNDEZ

Un dos catros sospeitosos de transportar miles de paquetes sen precinto non puido ser localizado

17 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Os ecos do contrabando de tabaco, unha actividade que xerou moitos ingresos ilegais nas últimas décadas do século XX e os primeiros anos do XXI aínda resoan nos xulgados. Algúns dos casos de tráfico de cigarros seguen pendentes de ser xulgados e aínda que este venres se puido ter resolto un deses asuntos, non foi posible.

Tres acusados sentáronse poucos minutos despois das dez da mañá no banco do Xulgado do Penal 1 de Ourense. Debían responder pola aprehensión efectuada polos integrantes do servizo de Vixilancia Aduaneira na noite do 16 de maio do 2012 na fronteira entre Ourense e Portugal, pero a vista non puido nin sequera empezar. Faltaba o cuarto investigado, un portugués que non puido ser localizado, polo que non quedaba outro camiño que solicitar o adiamento. Fíxoo a fiscal do caso e adheriuse á súa demanda tanto o avogado do Estado como o letrado do investigado, quen ademais xa advertiu que, en calquera caso, tiña intención de secundar a folga da quenda de oficio.

Así as cousas, haberá un novo intento o 9 de setembro. Ese día terán que volver comparecer todas as testemuñas que acudiron este venres á sala de vistas, entre eles moito dos axentes da policía de aduanas, para dirimir as responsabilidades penais dun asunto polo que se piden penas de tres anos e medio de prisión, ademais de fortes multas económicas.

Dous dos acusados, un deles con antecedentes por contrabando, chegaron aquela noite do 15 de maio á vivenda doutro, situada en Oímbra . Alí terían descargado caixas de tabaco que foron almacenando nun espazo da vivenda. Estaban con esa tarefa cando se presentaron os axentes, pouco antes das once da noite. No rexistro que fixeron localizaron 16.000 paquetes sen precinto da marca Xtreme e outras 5.000 de Marlboro. A maiores, incautáronse outros 13.500 paquetes da marca Pride. Crese que parte do cargamento chegara á casa aquela mesma noite, aínda que outra porcentaxe procedía de entregas anteriores. O tabaco intervido tiña un valor de 111.416 euros, unha cantidade que, multiplicada por catro, supón a multa que agora reclama a Axencia Tributaria a cada sospeitoso.

O cuarto investigado foi interceptado días despois ao volante dun furgón na A-52, en Verín . Nun dobre fondo localizáronse 15.200 caixas de tabaco ilegal valoradas en 46.178 euros.