Acisclo Manzano volve a San Pedro de Rocas convertendo en arte aos seus eremitas

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

Acisclo Manzano expón no Marcos Valcárcel
Acisclo Manzano expón non Marcos Valcárcel Miguel Villar

Unha mostra no Marcos Valcárcel recrea aos seis herdeiros citados na lápida do ano 573 e incorpora un mural alusivo

16 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O mosteiro de San Pedro de Rocas e a Ribeira Sacra están no percorrido vital e nas experiencias do escultor Acisclo Manzano (Ourense, 1940). Lembra ir ao conxunto monumental de Esgos dende cativo e nese lugar está instalada, dende hai anos, unha das súas pezas de gran tamaño. Aos mosteiros da zona foise achegando nos últimos anos, con especial significación no caso do de Xunqueira de Espadanedo, onde fixo unha exposición o pasado ano e desenvolveu unha intervención nas propias madeiras do entramado da cuberta.

Dende este venres o Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle unha nova proposta artística coa sinatura do escultor radicado en Viduedo (Cea). Os eremitas de Acisclo é un proxecto que se centra na lenda de San Pedro de Rocas e na lápida que dá conta dun acordo datado no ano 573. Na peza, que forma parte dos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, cítase como herdeiros —«Isto é a herdanza de todos nós»— a Eufrasio, Eusano, Quinedo, Eato, Flavio e Rvve. Unha inscrición en pedra que se ten convertido na primeira referencia de San Pedro de Rocas e na constatación inexcusable dunha existencia anterior: se algo se herda é que xa existía con anterioridade.

«A exposición é o meu espectial tributo á Ribeira Sacra e, de xeito especial, ao lugar que, entre as súas agrestes pedras, viu nacer o monacato occidental: San Pedro de Rocas», segundo sinalou o escultor. Tamén se baseou o artista na lenda do cabaleiro Gerondo, autor da descuberta de Rocas logo de quedar no abandono. A historia, recollida nun privilexio de Alfonso V datado no ano 1007, narra como nunha xornada de caza o cabaleiro ía seguindo ao seu can cando se atopou cunha igrexa agochada debaixo do mato. Abraiado polo lugar, fundou un novo cenobio e retirouse a el xunto a outros cabaleiros. «Daquela os seis herdeiros, e os herdeiros destes seis aos que engadimos ao cabaleiro Gerondo e os seus compañeiros, son os protagonistas da miña obra», sinalou Acisclo Manzano na inauguración da exposición.

Na proposta que se abriu este venres cada un dos seis eremitas está representado por unha escultura individual. A eles se lle engade na proposta de Acisclo Manzano un mosaico en barro policromado e o escultor tamén quixo reproducir a lápida atopada en Rocas. «Eremitas é a miña maneira de dar as grazas a aqueles eremitas, moitos deles anónimos, que escolleron as nosas terras para vivir e aos que eu quero devolver eses mosteiros que un día poboaron», sinalou o escultor.

Na inauguración da exposición o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, salientou a orixinalidade e o compromiso do proxecto do artista ourensán coa Ribeira Sacra e coa historia do mosteiro máis antigo da mesma. «Teño que referirme ademais, e dunha maneira moi especial, ao apoio da Deputación á cultura provincial nas dúas diferentes manifestacións e á iniciativa de Acisclo Manzano, polo seu compromiso con San Pedro de Rocas e o seu simbolismo», sinalou o representante do organismo provincial.