O IES Vilamarín multiplicou por dez os seus alumnos desde que abriu en 1989

edith filgueira OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

Ourense conta cun centro de FP que cumpre trinta anos formando profesionais

21 abr 2019 . Actualizado ás 10:42 h.

A finais de 1988 saíu publicado o decreto que regulaba a creación dun centro-residencia de Formación Profesional en Vilamarín con capacidade para 240 prazas. Ao ano seguinte empezou a funcionar o instituto que agora cumpre trinta anos e que non deixou de crecer -tanto en titulacións, como en persoal, como en número de alumnos-.

Nos seus corredores están colgadas, escrupulosamente, as orlas de todas as promocións exceptuando a da primeira, que se perdeu. Nelas pódense ver o latexar do centro e os cambios no mercado laboral e social. As principais titulacións eran Agraria e Cociña con fluctuaciones segundo o ano, pero cun número maior de alumnos na primeira. Tres décadas despois, só hai dous estudantes matriculados na modalidade nocturna do ciclo de Producións Agrícolas, segundo conta a xefa de estudos, Olga Painceira.

«O centro naceu máis enfocado á rama do campo que á da hostalería. O que pasou foi que a resposta a nivel de matrícula non foi a que se esperaba porque o sector primario xa comezaba a decaer. En paralelo estábase a dar en Galicia unha demanda e interés pola rama da cociña», resume Juan Pose, que leva impartindo clases no instituto desde 1990.

As instalacións, segundo explica o docente máis antigo do centro, foron sempre as mesmas en cantidade pero non en calidade. Trátase de tres bloques de edificios que foron mudando segundo as necesidades da actividade formativa. «Foise gañando espazo para talleres para ir adaptando os edificios á formación de hostalería. Tamén coincidiu que por aqueles anos non había ningún centro de hostalería en Vigo e atraiamos a todos ese potenciais alumnos. Había inclusive un autobús xestionado pola ANPA que ía e viña os luns e venres. Tanta xente supuxo un incremento tamén dos matriculados que pernoctaban aquí», sopesa. Os cuartos -compartidos- albergan na actualidade a entre trinta e corenta estudantes dalgunha das tres familias de ciclos do centro. Contan con servizo de comedor, lavandería e seguridade con vixilancia -posto que algúns dos matriculados contan con 16 anos-.

O instituto de Vilamarín é un centro educativo que foi gañando matrícula cada ano. Os primeiros cursos oscilaban entre os vinte e os trinta alumnos. Trinta anos despois de que abrise as súas portas, roldan os trescentos. «O claustro inicial estaba composto por nove docentes e agora somos 44 traballadores en total, aínda que catro son persoal da residencia exclusivamente», resume con ton de asombro ao facer o reconto e en perspectiva cos inicios en 1989.

Os que agora apostan por este centro para a súa formación teñen ante si un horizonte bastante diferente ao que se expuña fai tres décadas. Á parte do ciclo básico de dous anos, poden escoller entre cinco de grao medio en modalidade ordinaria ou para adultos e ciclos superiores en modalidade ordinaria ou dual -en auxe polo seu alto número de horas prácticas-. Panadería e pastelería, servizos en restaurante, xardinería, cociña e gastronomía ou aloxamentos son as titulacións que se imparten por corenta docentes de todos os sectores.

O inglés e o francés teñen o seu protagonismo cun intercambio e un ciclo bilingüe

Eduardo Redondo imparte materias relacionadas coa familia profesional de hostalería e turismo e estes meses hase marchado a Dublín para mellorar o seu inglés cun programa da Consellería de Educación. «Con esta formación podemos dar clases en ciclos bilingües ou plurilingües, dependendo do número de materias que teña cada un», sinala. O próximo curso serán os alumnos do ciclo superior de servizos de restauración os que se beneficien desta novidade no centro.

Tras doce semanas no país anglosaxón, co compromiso de asistir a vinte horas de inglés semanais e aprobar un exame final, os profesores obteñen un certificado de nivel alto de Oxford. «O obxectivo é que o alumnado mellore as súas competencias lingüísticas, pero á vez é unha oportunidade para renovarnos nós mesmos. Mellorar nós tamén», sopesa o docente, outro dos máis antigos do persoal, que leva máis de 25 anos no centro. «Aínda que a bolsa de axuda que nos da a Xunta non cobre a estancia e temos que pagala os profesores», confesa ríndose alén do fío telefónico desde Irlanda.

Hai anos que o instituto organiza, ademais, un intercambio con outro da Bretaña francesa no que os estudantes realizan prácticas en ambos os países. Todo para adaptarse a un mercado laboral cada vez máis esixente con fame de mozas plurilingües. «Se os alumnos cambian, nós tamén temos que facelo. Iso é o que marca a diferenza entre unha boa ensinanza e unha non tan boa», valora Redondo.