«Vou rezar todos os días para que poidan restaurar Notre Dame canto antes»

Edith Filgueira OURENSE

OURENSE CIDADE

Santi M. Amil

Irene Nogueira e José Taboada, que traballaron durante cincuenta anos na igrexa hermanada con a catedral de París, lamentan os danos causados polo incendio

18 abr 2019 . Actualizado ás 13:58 h.

«Vou rezar todos os días para que poidan restaurala canto antes. ¡E que nós poidamos REVISAR volver vela!», clama Irene Nogueira desde o salón da súa casa, no Carballiño, despois de que as chamas arrasasen a catedral de Notre Dame, en París. Nin ela nin o seu marido, José Taboada, poden reprimir o tremor na voz cando lles preguntan que pensaron ao ver as imaxes do templo cristián ardendo. «Sentimos algo de alivio cando nos espertamos e soubemos que os obxectos de culto non se perderon no incendio. Estaban todos no soto. Dixéronnos que se salvaron o cravo, un dos que serviron para crucificar a Jesús, e a coroa de espiñas» engade sen deixar de mirar o móbil que non para de soar con mensaxes.

«Nós estivemos cincuenta anos traballando na parroquia de Saint Germain deas Prés como xefes de persoal e moitos dos párrocos que pasaron pola igrexa remataron despois na catedral de Notre Dame. Ambas están hermanadas e a relación é moi estreita entre elas. O pai Patrick Jacquin, que foi cura da catedral, pasou antes pola abadía», relata sobre a comuñón á que chegan ambas as igrexas. O templo no que eles viviron e traballaron durante medio século -que se di pronto- presume de ser o máis antigo da capital francesa. Data do século VI e é onde está enterrado Descartes. A pesar de todo, Irene confesa que non hai ningún templo cristián que resulte tan atraente como Notre Dame. «Estabamos na rúa cando nos decatamos de que estaba envolvida en chamas. Sentín tanta pena que non cho imaxinas», confesa entre bágoas.

«Estabamos na rúa cando nos decatamos de que estaba envolvida en chamas. Sentín tanta pena que non cho imaxinas»

Os recordos apíñanselle nos ollos e a garganta cando lle preguntan que foi o primeiro que lle veu á mente cando acendeu a televisión: «O noso Thierry». O relato entón se retrotrae a un inverno, dos máis fríos que viviron en París, no que un mozo que acababa de saír do cárcere achegouse ata a catedral a pedir roupa e poder asearse. «Era alcohólico e conseguimos que durante dez anos estivese mellor. Algunha vez recaía, pero era moi traballador. Ao final logramos que colaborase na abadía para axudar aos monxes. Todo o mundo o quería moito porque era moi bo. Eu sempre digo que foi a Virxe María a que o enviou a Notre Dame. Thierry era como da familia e mesmo o trouxemos a Galicia para celebrar o seu 30 aniversario», resume sobre a curta vida do novo. «Cando o seu malas compañas se decataron de que cobrara un diñeiro polo seu labor, roubáronllo e tirárono ao río», lamenta con gran pesar. «O traballo social que se fai desde a catedral de París é incalculable», profunda.

Irene tiña 19 anos cando se foi co seu marido ao país fronteirizo. A súa idea inicial era emigrar uns meses e gañar o suficiente para volver ao Carballiño, construír unha casa e a súa propia familia. Pero a capital gala atraeunos e recoñece que vivir na abadía era como un soño. «O meu marido chegou á idade de xubilación e volvémonos. Pero eu seguiría alí. Se mañá me dixesen que teño que empezar a miña vida de cero, repetiría sen pensalo», afirma con rotundidade. «Podía ir sempre que quería a Notre Dame. A min nai tamén lle encantaba. Tardarán, como mínimo uns oito ou dez anos en restaurala, calculo eu. É unha mágoa que xusto pase isto cando estaban á arranxar porque xa estaba moi danada, pero hai que pensar en todo o que se conseguiu salvar», explica esperanzada el sobre o monumento máis visitado de Francia no que se beatificó a Juana de Arco, coroouse a Napoleón e fíxose o funeral de Charles de Gaulle, entre outros momentos históricos.

«Eu nunca me atrevín a subir ao miradoiro da catedral, dábame vertixe soa de pensalo. Igual cando a recuperen anímome», finaliza José cun sorriso.