Con 80 anos e tras medio século como procurador, José Prada non pensa na xubilación

Marta Vázquez Fernández
marta vázquez OURENSE / LA VOZ

O Carballiño

MIGUEL VILLAR

«Nos xuízos somos inimigos a matar, pero ao acabar a vista, todos amigos»

25 feb 2024 . Actualizado ás 19:41 h.

Aínda que tardou en darse conta, parecía estar predestinado a dedicarse ao mundo xurídico. De pai avogado e con moitos familiares metidos nese mundo, todo parecía aliñarse para que este mozo que quería ser perito industrial acabase vestindo a toga. Descubriu unha profesión, a procura, que leva 50 anos exercendo e que, asegura, encántalle. É José Prada Martínez, un home alegre que naceu hai xa oitenta anos e que bota a vista atrás para lembrar a súa infancia nunha época de posguerra. Asegura que foi un neno feliz, que xogaba co seu amigos na rúa e «sen preocupacións». A súa chegada á profesión foi algo casual.

«Foi una cousa estraña. Eu ía para facer peritaxe industrial pero faleceu meu pai, José Prada González, no ano 1969 e uns amigos animáronme a que fixera os tramites que se necesitaban para acceder a procura», lembra. Daquela era máis sinxelo que agora. «Había que facer dous anos de prácticas e despois pasar un exame na Audiencia Territorial da Coruña. E logo exercer». As prácticas, que duraban dous anos, fíxoas no despacho de Antonio Pedrouzo, que era un amigo do seu pai. «Gustoume; a verdade é que case era normal. Eu sempre vivira rodeado do tema xurídico: meu avó era procurador, tiven dous tíos e un curmán avogados. Penso que todo ía enfocado a que estivera neste mundo».

E así foi como o que empezou sendo unha saída laboral máis acabou converténdose nun traballo que lle encantou. «Así estou que non me vou», di entre risas. Lembra que antes o seu traballo era moi distinto. «Naquel momento podiamos intervir nos xuízos; actuabamos durante o procedemento sen que o avogado estivera pendente de nós. Era un papel máis participativo, mentres que agora é mais pasivo. Nos primeiros anos pasabas nas oficinas ou nas salas de vista media vida, mentres que agora coas novas tecnoloxías case non pisas aquilo. Todo é bastante impersoal», conta.

Lembra perfectamente a primeira vez que se puxo a toga para entrar nunha sala de vistas, con 30 anos. O país aínda vivía baixo a ditadura de Francisco Franco e, precisamente, un decreto do xefe do Estado feito «para tapar algunha falcatruada» converteu en civil un asunto que era penal. «Tocoume enfrontarme a profesionais máis avezados que eu, pero tiven sorte e gañei», afirma.

Nestes anos levou centenares de casos de todo tipo pero á hora de referirse a un que lle marcase especialmente, fíxase nun complicadísimo divorcio de fai moitos anos. «Era un odio a matar entre o home e a muller que nunca volvín a ver ata ese extremo. Non vira xamais nada semellante. Aquel caso sacou a relucir o máis escuro que pode ter unha persoa, e polas dúas partes», lembra.

Pero tamén houbo grandes momentos e di que, entre os compañeiros de profesión, todos lévanse moi ben. «Non nos apuñalamos na medida na que se poida», volve rir. E aínda que na sala de vistas hai que defender ao cliente, cando se levanta a sesión cambia o conto. «Sempre digo que nos xuízos somos inimigos a matar, pero cando se acaba todos somos amigos e ímonos a tomar un vaso xuntos».

O pasado mes de decembro os seus compañeiros de profesión rendéronlle unha homenaxe polos seus 50 anos de traxectoria continuada. Algo ao que poucos chegaron. «Foi algo moi bonito», afirma.

De momento, e a pesar de que xa cumpriu os 80, non quere deixar o seu traballo, pero asegura que a súa profesión non ten un futuro prometedor. «A procura penso que vai a desaparecer. Cada vez lle vexo menos sentido á nosa profesión porque ás veces somos os nosos propios inimigos é agora todo se está facendo cada vez máis cos medios telemáticos», razoa. A maiores, lembra que os aranceis polos que se rexen non se modificaron desde o 2003. «O custo da subida subiu un 50 %, aínda que nós seguimos igual», lamenta. A pesar de todo, mentres poida seguirá vestindo a toga e defendendo os intereses dos seus clientes. Esa é a súa paixón.

Un afeccionado ao teatro que escribe as súas propias obras para o grupo Tiruleque

No seu tempo libre afirma José Prada que sempre fixo moitas cousas. Algunhas as foi deixando de lado co paso dos anos, pero hai unha que permanece e coa que está moi entusiasmado, o teatro. «Levo nese mundo desde o ano 1985 anos; fundamos un grupo para facelo dunha forma máis estable e así naceu Tiruleque», conta. Gústalles interpretar textos en galego pero admite que non existe moito material cunha temática pegada á realidade social, polo que a José ocorréuselle escribir unha obra. «Gustou e desde entón case todo o que representamos escríboo eu», afirma. Nestes intres andan preparando unha comedia, tamén escrita por el, sobre uns conspiradores que queren atentar contra un tirano. «Ten 23 personaxes que se representa con seis actores», di Prada. E no tempo que lle resta entre xuízo e ensaio, goza todo o que pode da súa familia. Ten dous fillos e dúas netas.

O SEU DNI

José Prada Martínez naceu no Carballiño no ano 1943. A súa data de nacemento real foi o 27 de decembro, aínda que por «distintas causas» no seu DNI aparece o 2 de xaneiro do 1944.

É procurador. Leva máis de medio século exercendo unha profesión que lle encanta.

A praza Maior do Carballiño é o seu recuncho favorito. Gústalle moito esa zona do municipio aínda que a súa vida tamén estivo moi ligada ao pazo de Xustiza da localidade.